PÓÑANSE SÓ por un momento na pel dun traballador que nunca sabe canto vai cobrar ao mes ata mediados do seguinte, que leva un ano seguido vendo como o seu salario baixa, que se decide marchar da empresa porque non atura esas condicións perde o último soldo, que gasta máis en ir ao traballo e desempeñar a actividade do que lle paga o xefe... ¿Serían capaces de soportalo para conservar un emprego por moi mal que estea o mercado laboral? Seguro que a resposta de moitos sería un non rotundo. Pois nunha situación semellante atópanse desde hai tempo moitos produtores de leite en Galicia: nunca saben canto van cobrar, a 'nómina' leva 14 meses case ininterrompidos baixando e algúns perden cartos porque o que perciben non lles dá para pagar pienso, luz ou gasóleo. O problema é que se deixan unha empresa para buscar outra, ¿que fan co leite que as vacas continúan a producir ou como pagan o alimento que seguen a comer? E se practicamente todas as industrias lles ofrecen condicións similares, ¿que fan cunha explotación na que invertiron tantos cartos? ¿Tirar a toalla e vender todo? Algúns gandeiros xa o fixeron e outros temen ter que seguir o mesmo camiño nos próximos meses se a relación coas empresas de recollida non muda e se non se fai cumprir a lei. ¿Cal será a gota que colme o vaso da paciencia infinita dos gandeiros? Ogallá que cando aqueles que teñen nas súas mans poñer freo a eses abusos se dean conta do que está en xogo non sexa tarde.
Buscar
Secciones
Servicios
El Grupo
Comentarios