Blog

Xosé Manuel Felpeto: Refugallos. Xestación subrogada.

Estamos ante un debate marcado polas arestas que nas súas teses a defender ou a reprobar ten a xestación subrogada. Tema de actualidade e que daría para escribir soamente cos artigos de opinión saídos á luz dun tempo a esta parte un interesante 'best seller', por eso tamen quería mergullarme en dar a miña. Aconteceu nunhas xornadas onde estaba convidado sorpredéndome gratamente a cantidade de público asistente.

O que máis me chamou a atención era o distantes que estaban os criterios ou puntos expostos por ámbalas partes, abalados nalgunha ocasión por verbas que soaban no coloquio tremendamente duras. A favor dunha xestación subrogada incidíase na necesidade dunha regulación que a día de hoxe no noso país non existe como tal, permitindo soamente inscribir no rexistro aos nenos que naceran por este método en países que si o tiveran regulado e sempre a nome dos pais biolóxicos. Fomentaría, entre outras cousas, que as mulleres que decidiran libremente dar ese paso se sentiran protexidas e non empurradas pola posible necesidade económica, aínda que ben é certo que dentro desa decisión e dende outro punto de vista son persoas adultas que exercen o seu dereito de facer co seu corpo conscientemente o que cren convinte.

Dito isto, e como punto de saída na necesidade de consenso e regulación, tamen se abordaron as contras, situándose dende o prisma de que ese ventre non deixa de ser unha vasixa ou forno onde cunha decisión que nada ten que ver co altruismo ou a xenerosidade convértese nun posible mercadeo con normas en moitos casos abusivas a todas luces para a muller xestante e incluso para o neno concebido.

Atopamos entón que entre ambas exposicións existe un baleiro legal e humano dun calibre abismal, motivo máis que suficiente para poñerse a traballar nesa necesaria regulación.

Falando de mercadeo ante a reticencia dunha das ponentes na posibilidade de comparar, para buscar posibles similitudes, un proceso de adopción coa xestación subrogada formularía certas preguntas.  Non existe ese mercadeo tan remarcado naquela ponencia cando alguén comenza un proceso de adopción?

"A opinión de alguén que desexa, despois de esgotar todas as posibilidades biolóxicas para poder ser nai, debería facultala para analizar esa variante como canle para cumprir o seu soño tendo o seu criterio un peso específico a ter en conta"

Fai uns días nun xornal galego saían á luz ochenta familias na sua maioría galegas que comenzaran os trámites para adoptar en países coma Burundi e Etiopía e lles pedían máis cartos despois de ter aportado xa unha cantidade significativa.

Non aparece o vil diñeiro cando alguén se quere someter a unha fecundación 'in vitro'? Nun centro privado ronda os 5000 euros, por poñer dous exemplos enriba da mesa.

Ao meu entender, a xestación subrogada poderíamola encadrar como unha técnica máis de reprodución asistida onde están tamen a ovodoación ou a doación de esperma, pero con distintas características tanto no tempo coma na forma, pero reprodución aistida ao fin e ao cabo.

As dúbidas e inquedanzas daquela charla deixáronme claro certos detalles a nivel técnico que descoñecía, pero pouco ou nada mo aclaraba dende o aspecto humano. A opinión de alguén que desexa, despois de esgotar todas as posibilidades biolóxicas para poder ser nai, debería facultala para analizar esa variante como canle para cumprir o seu soño tendo o seu criterio un peso específico a ter en conta. E así o fixén tomando un café coa miña amiga Manuela, quen a pesar de coñecela dende fai moitos anos, pareceume algo nerviosa cando escomenzaba a somerxerse nun tema onde no seu parecer habría moito que afondar dada a súa complexidade, sobretodo á hora de aportar xuízos.

"Non debía ser necesario xulgar ás persoas precisando con imperiosa necesidade falar, entender, debater, respectar e sobre todo regular"

Manuela estivo nun proceso de maternidade durante máis de dez anos pasando por distintos tratamentos de fertilidade, estimulación ovárica, fecundación 'in vitro' (Seguridade Social), unha MOLA , un CIN2 e varios miomas rematando nunha histerectomía total. Con todo este proceso enormemente complexo, tanto a nivel familiar como persoal, plantexouse a adopción, doación de óvulos, acollida familiar e tamén a xestación subrogada como alternativas ou opcións para intentar chegar a algo tan sinxelo ou complexo como desexar ser nai-pai, pero non é tan doado.

Sublíñame xa máis tranquila, as bágoas vertidas, as crisis de parella que o longo destes anos ían e viñan no seu camiñar diario e outros estados de ánimo que sería moi complexo intentar adxectivar. Sen deixar de dibuxar un xesto de dasaprobación na súa faciana, ségueme describindo os tempos tan longos, case eternos, no proceso a través da Seguridade Social, así como as opinións sobre a súa vida familiar e de parella, quizais demasiado gratuitamente, eludindo os centos de plantexamentos que xa se fixeran eles mesmos, porque unha parella e cousa de dous, comenta Manuela.

Xoga constamente cunha servilleta que aparece e desaparece entre os seus dedos e dime que ten dúas familias coñecidas que son pais e nais por maternidade subrogada mostrando o seu desacordo con partes que se amosan nestes intres en moitos medios de comunicación alenxándose da realidade, pero entende a delicadeza do tema sobre o que queda moito que debater para darlle un xeito legal neste país.

Non quere rematar este café sen mostrar o respecto a quen non opina coma ela facendo referencia a verbas cunha crudeza imperativa para denominar un ventre disposto a dar vida para outras persoas. Quen somos nós para opinar por elas…? Ela mesma confírmame que o faría, pensar en poder facer feliz a outra familia sería algo especial e marabilloso, apuntilla Manuela, cun sorriso amplo e suxerente. Puntualiza iso si, unha vez máis, na claridade a hora de dar ese paso, de igual maneira que cando és familia de acollemento ou te “invitan” a adoptar, como se o único que se necesitase fora non poder ser pai-nai biolóxicos. Calquera pode facelo.

A miña opinión despois de escoitar a Manuela sae con máis luz e fortalecida coincidindo con ela na súa totalidade. Non debía ser necesario xulgar ás persoas precisando con imperiosa necesidade falar, entender, debater, respectar e sobre todo regular.

Comentarios