Blog

Alfonso Blanco: Un cura labrego

Fai un par de domingos unhas freguesas de Xosé Ramón Pérez partillaron comigo a súa desolación polo seu posible traslado. Non me sorprendeu nada do que me dicían pois teño participado en moitas celebracións nalgunha das súas parroquias, e é un 'pastor' exemplar. Pero neste encontro e noutros posteriores admiroume a madureza destas comunidades, estaban a verificar unhas relacións adultas e responsables no seo da igrexa, nada de clientelismo. O máis acaído medrando na fe e boa vecindade en trece anos de mestría deste crego que cultiva e coida coa máxima atención os espazos e os tempos das súas asembleas e celebracións, mimando con paixón cada herba pequerrechiña e con máis motivo cada fregués. Nesta dedicación foi atesourando con lentura esa sabedoría que permitiu á xente labrega aprender e respectar os ritmos da natureza para sementar e colleitar a eito.

Xesús de Nazaré explicaba a súa mensaxe con exemplos da vida rural. Nas nosas andaduras á par faime lembrar o amor a todas as creaturas de Francisco de Asís, sempre contaxiando paz e acougo. No evanxeo que tocaba ese domingo no que se despedía de Miraz, comprendimos aínda mellor as reivindicacións dos veciños, interpretando a decisión de Xesús de establecerse na Galilea dos pescadores, da xente humilde que buscaba algo novo dende a vida en común, a amizade, os soños colectivos, marchando da Xudea, o centro duns poderes que impuxeran unha relixión formalista sometida a unhas reglas baleiras de amor e compromiso…

Ramón, nacido no Pantón dos tres ríos, tamén sabe da pesca, pero apostou pola nosa cultura labrega. E nesta encrucillada que están a vivir estas 14 parroquias descubrín a voz e a forza do Espírito que urxe que sexan escoitadas, pois Deus actúa dende abaixo coma vimos de celebrar no alpendre do Nadal. Non se pode ningunear ás comunidades que, deixándose cultivar por este cura labrego, crearon estes vencellos de unión e solidariedade como están a demostrar coas iniciativas que abrollan en Friol e Guitiriz.

Aprendendo a ler os sinais dos tempos acredito que esta unión e sentir común das veciñas/os é unha lumeirada do Deus con nosoutros, unha hora afortunada da súa gracia, un 'kairós' como explicaban os profes de Ramón no Seminario de Lugo, é dicir o momento propicio para escoitar a voz do Pobo de Deus e medrar en corresponsabilidade dentro da igrexa.

Comentarios