Blog

Alfonso Blanco: 'No cabodano de Pepe Chao'

O luns 28 é o cabodano de Xosé Chao Rego, e a véspera imos descubrir esta dedicatoria gravada nun penedo, do tamén chairego Xaquín Campo, compañeiro seu na loita do Ferrol obreiro:Mensaxe de fe, esperanza, vida e resurreción. E sobre todo moito amor do de verdade. A xeito de encargo e testamento para o discipulado, por parte de quen sabe que a súa xeira está xa moi avanzada. Coñecendo a Pepe Chao, a súa obra e inquedanzas, as súas loitas en tantos frontes, tamén o da ecoloxía, fe e galeguidade, feminismo, a xustiza e a igualdade, igrexa,  etc., penso que esta frase é coma un testamento vital que nos deixa. E que vai máis ala de súa existencia entre nós. Graciñas, Pepe. Non te defraudaremos”.

Varios amigos, o domingo, imos partillar a nosa palabra agradecida co mestre na Eira da Xoana, nese santuario da Nai Terra no que se celebra o latexo da natureza ao ritmo das estacións, un deses eixes simbólicos dos que o noso profeta arrincaba a súa coraxe e comuñón co leito da vida, un espazo máxico coma adoitaba escoller para as Romaxes de Crentes Galegos: Pedregal de Irimia, o San Alberte, Baltar de Pastoriza, Penas de Rodas e Santa Sabela en Outeiro... El vai con nós e neste ano Xermolos e a Irmandade Manuel María dedicáronlle no Pedregal, onde a familia acubillou as súas cinzas, a III Festa da Afirmación, o Festival de Pardiñas ou unhas flores no seu monumento no Paseo dos Soños en Vilalba ao compás dunha das súas músicas preferidas, a do Río Madalena ao que Manuel María lle cantou: “A túa fala é a labrega e galega a túa canción”.

Arestora celebramos aquela hora afortunada na que retornou ás súas raíces, a Vilalba, enfortecendo o seu compromiso total co país, porén o nome da súa casa, a Chouzana, marca o comezo da literatura en galego, alí naceron e tecéronse as máis importantes expresións dunha Igrexa evanxélica e popular, a prol dos máis febles, dos labregos/as, coma un servizo xeneroso á Galiza enteira.

O vindeiro domingo na Eira da Xoana en Ramil de Agolada, Xermolos vai estar ben acompañado: a súa familia, os amigos, os seus libros e tamén os cadernos que lle dedicou, porque a mellor homenaxe é seguir lendoo, afirmandonos nos sinais de identidade do pobo, que este sabio foi debullando en milleiros de páxinas. A Eira é a mellor paisaxe para lembrar o 'Eu renazo galego dun dos ensaistas máis egrexio do país.

Comentarios