Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

A señora nai de Adam Smith

"Non é da benevolencia do carniceiro, o cervexeiro e o panadeiro de onde obtemos a nosa cea...". Deixe que me dea a risa

NON SEI se lembran hai uns anos, cando se falou de crear uns estudos de FP básica de traballo doméstico. Poderían sinalar a cantos opinadores que probablemente non saiban fritir un ovo lles deu a risa? A forza de vivir durante seis décadas co plato quente, a roupa limpa, o after shave mercado e reposto no armario do baño e o tempo de atención preciso para desafogar as miserias do esixente mundo laboral —"Tú qué vas a saber, cari", acordan aquilo de O turista madrileño de Evaristo Calvo e Isabel Risco?—, algúns desenvolven a idea de que certas necesidades cotiás se solucionan por unha sorte de maxia ou ciencia infusa.

Unha gaivota sobre a cachola de Adam Smith en Edimburgo (Imagen blog Marta Veiga 08/03/18)Fronte a aquel dislate de tertulianos, lin con atención as palabras de Galicia Méndez, millennial, feminista e empregada do fogar; unha muller nova de Murcia a quen só coñezo a través do Twitter e dos seus esforzos por visibilizar e dignificar un traballo altamente feminizado e precarizado malia ser imprescindible para o funcionamento social: sen atender o sistema reprodutivo non se move a engranaxe do produtivo.

Galicia Méndez —algún día atrevereime a mandarlle unha mensaxe directa e a preguntarlle os porqués do seu nome— entende que todas e todos debéramos saber como se hixeniza o baño e planificar un menú saudable. Aínda así, é moi crítica con que se canalicen eses saberes cara ás persoas que, polo que sexa, non deron rematado a Eso. Case sempre, as procedentes de contornas desfavorecidas e con menos oportunidades de permitirse cursos malos, repetir, tripitir e volvelo tentar nalgún centro onde o éxito na reinserción das causas perdidas adoita ser directamente proporcional ao prezo da matrícula. Unha FP para agochar o fracaso escolar e perpetuar o estigma de que é un quefacer para mulleres que non serven para nada máis, di ela.

A minusvalorización dos coidados, que abranguen da crianza da prole ata a atención de persoas maiores e dependentes, a limpeza do fogar e a preparación dos alimentos, vén do feito de que é un labor que fixeron de balde e sen horarios as mulleres durante milenios. Repita comigo: que seu pai non saiba nin onde ten os calzoncillos, que a que administrase os cartos sempre fose a súa nai, non se chama matriarcado, chámase deixación de funcións. É como se dicimos que en Downton Abbey o que detenta o poder é Charles Carson, o mordomo, e non Robert Crawley, conde de Grantham.

Unha das máximas da economía liberal formulouna Adam Smith en 1776. Foi en A riqueza das nacións, a biblia que guía os nosos designios na modernidade. "Non é da benevolencia do carniceiro, o cervexeiro ou o panadeiro de onde obtemos a nosa cea, senón da súa preocupación polos seus propios intereses". Foi o que o bo de Smith chamou "a man invisible do mercado". En 2012, a xornalista sueca do Aftonbladet Katrine Marçal introduciu un elemento que non se tiña en conta na fórmula. Quen lle facía a cea a Adam Smith? Pois resulta que a súa señora nai, Margaret Douglas. Marçal fala de "segunda economía" e non do "segundo sexo" de Beauvoir e sinala que a economía é a "ciencia de preservar o amor". Que os PIB nunca contemplan o traballo gratuíto que as mulleres fan nas casas.

Non perdan coidado que se algún día isto se glamouriza, como o da cociña ou a costura, e programan un Masterchef de fregar váteres, xa se subirán os homes ao carro e empezaremos a falar de señor da limpeza no canto de señora da limpeza. Non dicimos xa modisto? Talvez ata planchabragas deixe de ser o insulto que os da carcundia lles dedican a aqueles conxéneres que empezan a tomar consciencia dos seus privilexios.

A señora nai de Adam Smith
Comentarios