Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

Primeiro de escandiguai

Antes dos dez anos cheguei a desenvolver unha furia polas suecas que nin Alfredo Landa cando era Fraga ministro de Información e Turismo

Escandinordifilia. EP
Escandinordifilia. EP

ALGÚN DÍA contarei as desventuras dunha crianza sen televisión autonómica, pero hoxe propóñome o exercicio de analizar as orixes da miña escandinordifilia. Por que formo parte dese grupo de xente que mide a súa frustración en visitas ao Tiger? Como é que se me pasa pola cachola a posibilidade de vivir para sempre nunha tenda Ikea, comer salmón con eneldo, beber cordial de sabugueiro e alternar nos postres bolachas de xenxibre e rolos de canela? Quen non querería instalarse nun videoclip de Nightwish, fundar un imperio ou ata unha familia en lugares que toman tan en serio a educación pública e Eurovisión?

Boa parte da culpa tena a tele. Antes dos videoxogos, seica as chaladuras da mocidade eran cousa dos xogos de rol. Na miña prehistoria, da tele; a mesmísima encarnación do demoño. Televisión Española como fonte exclusiva do mal ata a finais de 1989, cando co estomballamento do bloque sovietico chegaron as mamachichos e o telecupón. 

Se agora son os grupos moderniquis e os tutoriais de hygge —é como lle chaman as danesas a estar a gustiño na casa; de primeiro de escandiguai—, houbo nos oitenta un curso de introdución ao nordiquismo polos debuxos animados. Velaí o estaba David, o gnomo, para prender a faísca; produción española con toda a súa mitoloxía de criaturas do septentrión na canle pública estatal os sábados despois do xantar.

Logo do gnomo David viría algunha reposicion de Vickie, o viquingo. E Noeli, un anime xaponés que transcorre en Finlandia. Dá para un traballo de fin de máster (dos fetén): posmodernidade, apropiación cultural, reciclado de mitos... "En Laponia/ hace frío,/ pero yo me río". Se lles lembro este haiku cumio da lírica en castelán que lle debemos a Milikito Aragón, seguro que xa caen.

"En Laponia/ hace frío,/ pero yo me río"; Milikito Aragón, poeta

A sami Noeli deixaríalle paso a Pippi Mediaslongas. Sueca, pelivermella e con pencas. Brava, rebelde e animalista. Cunha forza sobrenatural e que cociñaba filloas como á pedra, pero no piso da súa casa. A Pippi de Astrid Lindgren semellaba familia lonxana da cativada dos libros de Maria Gripe que tanto me gusta(ba)n. Antes dos dez anos desenvolvín unha furia polas suecas que nin Alfredo Landa cando Fraga era ministro de Información e Turismo. 

No entanto a tele pública de Pilar Miró facía o seu traballo de preparar as nosas infantís cabeciñas na nordifascinación, os libreiros deron en traducir aos romances as historias que a boa de Maria Gripe comezara a publicar en sueco nos anos cincuenta. A señora Gripe non escatimaba en drama. Elvis Karlsson tiña seis anos e xa sabía o que era fracasar. Loella fora arrincada polos servizos sociais da súa casa, separada dos irmáns máis novos e levada a un centro de menores na cidade. A fantasía de Os fillos do vidreiro non resultaba máis exótica que Peter, o papá de noite, un aspirante escritor cun moucho como mascota que coidaba de Julia mentres a nai da nena traballaba no hospital. 

Acontece a cotío que aqueles títulos que che fixeron feliz de nena non soportan a relectura adulta. Cáenche das mans. Pasoume hai uns veráns co primeiro de Torres de Mallory, de Enid Blyton, e sucedeu non hai tanto tempo co volume que inaugura a serie (danesa, que non se diga) Puck. Os escaravellos voan á tardiña e Agnes Cecilia, por dicir dous títulos de María Gripe, terman do papel como se fose a primeira vez. 

Daquelas poeiras, estas lameiras, amigas. Servidora xa estaba entregada á nordicallada antes de pisar sequera un H&M. Antes de Saga Norén. Antes de Björk, mesmo. Xa o dicía o Martiño Suárez: "Vivamos como noruegos!".

Primeiro de escandiguai
Comentarios