Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Na procura de Puck

MELLOR DOS veráns non era bañarse no río nin esfolar os xeonllos na bici nin xogar a bico, verdade ou consecuencia nin sequera as duchas a mangueirazos na eira. Preferías as noites coa lanterna baixo as sabas; coñecer xente que non te decepcionaba.

Son as vacacións de sétimo e a túa mellor amiga da escola, esa con quen xuntabas a cabeza e partillabas segredos fondos, coa que paseabas da man, vén de dicirche que quere que vos deixedes de ver, que a agobias. Doe como non sabes se mancarán os desenganos do corazón e do baixo ventre nos anos vindeiros. Isabel, a túa veciña, esoutra amiga coa que traficas ficcións en zapatillas de casa, ábreche a fiestra para que entre unha raioliña.

Puck chega á túa vida en funestas circunstancias. Préstache máis que os Hollister, os Cinco, as mellizas de Santa Clara, os Sete Segredos, Trixie Belden e os Tres Investigadores. Puck chámase Bente Winter e é danesa. Acode a un internado mixto en Egeborg. Ela e as súas amigas, as do Trevo de Catro Follas, molan todo o molable. Resolven misterios. Cántanlles as corenta aos abusóns. Cómenlles as papas aos rapaces nos deportes e nas matemáticas. Nadan nun lago de augas conxeladas, esquían e triscan polos bosques como cabuxas ceibas.

Na capa dos libros de Puck —en rosa, porque seica eran para nenas— aparecía a sinatura de Lisbeth Werner. Moitos lustros despois saberás que era o pseudónimo de dous homes, Carlo Andersen e Knud Meister, que comezaron a publicar os libros en 1952. Foron corenta e seis volumes en danés. Vinte e nove en castelán e catalán, traducidos pola extinta editorial Toray.

A fin de Puck é un deses acontecementos que activa a carraxe na mente colmea nas preadolescentes de varias xeracións. Para que presentarnos unha premuller empoderada se habían rematar con tal trapallada, señores Andersen e Meister? Pensaban vostedes que a literatura para xente moza terma de calquera ocorrencia, como Los Serrano ou Lost? Se estades preparadas para que vos destripen o final, cóntao de marabilla a bitácora Quédate a Dormir.

Pasaron vinte e catro veráns desde aquel de Puck. Vés de pasar un tempo murcho e choras sen que veña ao caso, como se tiveses doce anos e a túa mellor amiga da escola pasase de ti. Estás en Copenhague e procuras as pegadas de Bente Winter. Planificas o peso da maleta para que che collan na volta un ou dous libriños de Puck en danés. O autoagasallo que mereces.

Non agardabas nada semellante á omnipresenza de Harry Potter no Reino Unido, de Pippi Mediaslongas en Suecia ou dos Moomin en Finlandia, pero tampouco un desleixo deste calibre.

A Puck comeuna unha cocha. Non saben dela na biblioteca de Roskilde nin na de Helsingør. Pregúntaslle a Helle Ella, uns sesenta anos, a vosa caseira, se ela leu os libros de nena. Sóanlle vagamente, como do tempo da súa irmá máis vella, e pasa a falar de porros en Christiania.

O día antes de marchardes, unha libreira da Arnorld Busck de Købmagergade escoita as túas lembranzas púberes. Pregúntalle ás compañeiras máis vellas. Busca nas bases de datos e chama por teléfono. Dinlle que os libros de Puck están descatalogados desde 1983.

Corenta e oito horas despois, fas a compra no Carrefour de Lugo. Botas no carro Puck, colegiala. RBA mercara o catálogo de Toray e acaba de facer un lanzamento.

Postdata: A editora Lindhardt of Ringhof comezou a reeditar para libro electrónico a serie de Puck en Dinamarca en 2016. Hoxe están no catálogo da Arnold Busck. Quen che di que non prendiches ti a faísca?

Na procura de Puck
Comentarios