Jueves. 13.12.2018 |
El tiempo
Jueves. 13.12.2018
El tiempo

Mamarracha e teimuda

Cada capítulo de The Royals é coma un videoclip kitsch de cincuenta minutos. Con conspiracións, sexo, drogas, reis republicanos e cuñados vestidos de Marichalar

O cuñado e as curmás. EP
O cuñado e as curmás. EP

A UN tris estiven de darlles a paliza co do máster. Os máster do Universo (polo poder de Greyskull). O Master of Puppets de Metallica. Master and Commander, esa peli naval/nabal. É un tema complexo que nos sitúa fronte ás nosas contradicións: son os mestrados a fase superior do capitalismo, como tan asisadamente definiu Domingos en Chándal, un obxecto aspiracional para facer medrar a fenda entre as elites e a xente do común ou unha ocioteca para que mocidade de vinte e poucos e vinte e tantos non pase directamente ás listaxes do paro? Pois que queren, o demo está nos detalles.

De todo o que se ten dito sobre o temiña estes días quedo coa proposta do xornalista e crítico de televisión Alberto Rey, que avoga por unha solución ficcionada: unha serie de televisión na que a Cifuentes de quenda, ao descubrirse que un dos seus títulos non semella fiable, ten que regresar a un campus a cursar de xeito presencial un posgrao e vive unha historia de amor con algún personaxe interpretado por Maxi Iglesias ou Martiño Rivas. Un Community, pero en Vicálvaro ou calquera campus da meseta sur.

A ficción resulta catárquica ao achegarse a aconteceres máis ou menos próximos na memoria colectiva. Velaí está Fariña. Esta mesma semana, o xornalista David Simon, creador da serie de HBO The Wire sobre o tráfico de drogas, a corrupción e o deteriro social de Baltimore, en Estados Unidos, anunciou a súa intención de achegarse ao batallón Lincoln das Brigadas Internacionais na Guerra Civil Española. 

A David Simon, o creador de The Wire, rebentáronlle o cuñadómetro no Twitter ao anunciar que fará unha serie sobre os brigadistas na Guerra Civil

Recibiu ducias, centos, de comentarios na súa conta de Twitter. O cuñadómetro rebentado: que a ver que vindes os de Estados Unidos a contar aquí (como se a historia dos seus brigadistas non fose deles). Que hai que deixar os mortos nas beiravías. Que qué pasa con Paracuellos. Que como se che ocorre facelo en colaboración cun supremacista (sic) catalán, en referencia á produtora Mediapro. Mesmo houbo quen o mandou ler monografías de hispanistas británicos. Porque debe ser que iso de que David Simon escriba unha serie sobre a Guerra Civil, mal, pero que os ingleses fagan o hispanismo, pois de marabilla.

Mentres chega o que teña que relatarnos o bo de David Simon, que respondeu cunha paciencia pasmosa ata as imprecacións máis peregrinas, conto os días para a cuarta tempada de The Royals, unha das meirandes mamarrachadas que permitiu nos últimos anos a televisión por cable.

Estou certa de que non pasará á historia da industria audiovisual, pero aí me teñen, tres tempadas e as que veñan, que son moi teimuda no mamarrachismo (e no situacionismo), amigas, e papei as sete entregas de True Blood.

The Royals é unha serie estadounidense que nos achega unha familia real británica ficticia. Todo mentira, salvo algunhas cousas. E aí está a chave. Cada capítulo é coma un videoclip kitsch de cincuenta minutos. Con conspiracións, reis republicanos, usurpadores que planifican asasinatos e cuñados vestidos de Marichalar. Adulterios ata no carné de identidade. Bebercio e estupefacientes como para unha voda de Kate Moss. Princesas que se pasean polo pazo real en bragas e cunha camisola dos Sex Pistols. Liz Hurley de raíña nai. Tamén hai guerras de poder entre sogras e noras. Curmás rabechas con gusto polas discotecas de moda e mesmo niñatos de papá que se pegan frechazos no cu. 

Como na vida mesma.

Mamarracha e teimuda
Comentarios