Lunes. 17.12.2018 |
El tiempo
Lunes. 17.12.2018
El tiempo

Evaristo e Roseanne

Trinta anos despois, estamos a descubrir que os punkis son, ou deberan ser, xente antisistema. Nunca é tarde para aprender
 

Evaristo Páramos, de La Polla a Gatillazo.  YOUTUBE.
Evaristo Páramos, de La Polla a Gatillazo. YOUTUBE.

AS XENTES da Terra do Medio vivimos a principios dos noventa unha desas situacións que, vinte e tantos anos despois, corren o risco de engrosar o terreo nebuloso das lendas e os poemas épicos, dos contos das mouras. Aconteceu en Antas de Ulla, o municipio que disque alberga o verdadeiro quilómetro cero de Galicia. Andaba o verán cara ao tempo da colleita e actuaba La Polla Records.

Aínda lle preguntei á miña Paula esta semana se fora en 1992, no verán de oitavo de Exebé a primeiro de BUP, ou en 1993, no de primeiro a segundo do extinto Bacharelato Unificado Polivalente. Daquela o ano académico non comezaba ata outubro e era fácil confundirse entre a molicie e cadernos de Vacaciones Santillana.
Paula ten por certo que sucedeu en 1993, naquel primeiro Xacobeo da nova era.

"Toda unha experiencia punk de aldea!!!", velaí a Paula no meu WhatsApp, e todo o que non se pode contar. Un acontecemento mítico por riba mesmo do concerto de Manu Chao en Lalín de 2001, daquelas primeiras edicións da Semana Verde de Silleda e de Miss Melide Cacaolat.

Quero imaxinar que aquela noitiña de verán estaban alí os Kuarto Barreno de Nino, rocanrol melidao noventeiro, e talvez os que integrarían despois Os Kambotes de Rodeiro, Cuspe de Pita de Sarria ou Los Puta de Lugo. Que Os Rastreros de Chantada, que só uns meses despois serían os anfitrións que alimentaron a base de cocido e castañas asadas os abaixo asinantes do manifesto bravú, tampouco faltaron á cita.

La Polla Records foi quizais a banda punk máis importante en castelán. Chegábannos os trallazos cheos de carraxe nos greatest hits de rock radikal vasco que traía de estraperlo en cassettes a proxenie dos emigrados na marxe esquerda da ría de Bilbao.

Chegan máis de tres décadas tarde, as cancións de La Polla Records xa as sabemos

Cantaba un tipo narigudo e de orellas grandes, que moitas veces vestía unha camisola do Celta, e que era fillo da diáspora, coma nós. Cando este sábado, Evaristo Páramos —exlíder de La Polla Records que soubo botarlle humor a iso de cumprir anos é ao peso da virilidade e que agora está á fronte dunha banda chamada Gatillazo— foi "identificado" pola Garda Civil polo contido do seu discurso, quedamos pampas. Chegan máis de trinta anos tarde. Vai boa que sabemos esa de "Ellos dicen mierda; nosotros amén, amén, a menudo llueve". Que non sei que agardaban, por outra banda. Que fosen punkis de pastel ou como Pignoise?

Este martes, a canle de televisión estadounidense ABC anunciou que cancela o relanzamento de Roseanne, a serie con máis audiencia da tempada, cunha estrea de 18 millóns de telespectadores, debido aos comentarios racistas e vexatorios da súa protagonista e creadora, Roseanne Barr, en Twitter. Que haberá quen estea tentada a pensar que se Evaristo Páramos pode falar con desprezo sobre os corpos e forzas de seguridade do Estado, por que a señora Barr non pode facer outro tanto con respecto ás persoas negras ou por que o autobús infame de Háztelomirar non pode cuspir bile contra os nenos e as nenas trans.

Aí está o lindeiro entre o discurso de odio e a liberdade de expresión, amigas. O primeiro aliméntase dos mecanismos dogmáticos e dana a imaxe e a dignidade dalgún colectivo historicamente discriminado, algo que non lles afecta no noso contexto nin aos corpos policiais nin ás institucións do Estado nin á Igrexa católica nin aos homes brancos heterosexuais de mediana idade. 
 

Evaristo e Roseanne
Comentarios