Lunes. 17.12.2018 |
El tiempo
Lunes. 17.12.2018
El tiempo

Eurovisión en vernáculo

Xornalistas en Eurovisión
Xornalistas en Eurovisión

ESTES DÍAS, os peregrinos de Fátima cruzan Portugal. Polo medio das autovías, cos chaleques reflectantes de facer a ruta do colesterol, armados de cruces e a paso máis ca lixeiro. Unha ducia e media deles –Santa Maria, mãe de Deus, rogai por nós, rezan o Rosario– camiñou o martes o Parque das Nações que acolle o Altice Arena e o centro neurálxico de Eurovisión 2018 en Lisboa.

Hai hoxe ben máis turistas na cidade que hai quince anos. Estúdase Lisboa como exemplo de xentrificación, de expulsión das clases populares dos barrios para transformalos en espazos de apartamentos turísticos, solucións habitacionais para hipsters e alugueiros de locais que só poden asumir as franquicias internacionais. Xa antes de Salvador Sobral e de Eurovisión, Lisboa estaba de moda. Ata Madonna escolleu como residencia para criar a súa proxenie este nariz da península Ibérica onde as augas do Texo se mesturan coas do océano Atlántico. Os suplementos máis modernos dos xornais falan de Portugal e de Lisboa. Aparecen listaxes no Facebook que din que son dos mellores lugares para vivir do planeta.

No coche, á altura do Alto Douro Vinhateiro, no entanto os peregrinos camiñan, a locutora de Rádio Renascença conta que acaba de volver de feiras. "Quedei en Portugal porque que lugar hai na Europa co clima tépedo e solleiro de Portugal e que sexa tan barato e onde os hoteis e restaurantes sexan tan bos? Italia? España?". Ás contertulias dálles a risa. As galegas sabemos desde moito antes de Madonna, mesmo desde primeiro de que a palabra mainstream fose mainstream, que as pontes e as semanas santas son para baixarse a Portugal a tomar pingos de café riquísimos e experimentar o que é vivir nun país co galego normalizado.

Preto de dousmil xornalistas pasamos esta semana no centro de prensa de Eurovisión. Hai quen o vive con bandeiras e bufandas e canta os puntos como Alfonso Pardo os penaltis do Lugo no Ramón de Carranza; como Jesús Penelas e Paco Basanta o regreso do Breo á ACB. Pregúntanme uns compañeiros de San Marino se é que Cataluña se vai separar de España. A eles iso de se un territorio é grande abondo para independizarse déixaos como estaban e non entenden como alguén querería marchar dun lugar como España –xa saben, festa, sangría, olé– pero tampouco lles colle na cabeza que non se poida argallar un mecanismo para que os cataláns decidan democraticamente nas urnas que é o que queren facer.

Se en Eurovisión teñen cabida Acerbaixán, Israel ou Australia, a ver por que non poderían estar as delegacións de Escocia, Córcega ou as illas Feroe. Se Gisela, a de Operación Triunfo 1, cantou Casanova para Andorra, pois podería tamén representar o seu país cun tema de artistas catalás como Sílvia Pérez Cruz ou Rosalía (a flamenca, non a de Cantares gallegos).

Nestes eurovisivos días nos que a Rádio e Televisão de Portugal (RTP) suma entre os seus convidados especiais a Lucía Pérez e Xosé Manuel Piñeiro, pregúntome como sería a escolla da nosa CRTVG e polo tipo de formato de preselección: unha canteira de cantareiros en Luar? O Bamboleo? Un Apologhit? Elección interna? Como viviriamos os eurodramas en vernáculo? Habería alguén tan afouto como para apostar polas cumbias de Esteban&Manuel ou polo descaro de De Vacas ou as Tanxugueiras?

En Eurovisión adoita ser moito menos habitual ca nos deportes máis masivos, pero tamén hai quen ten por certo que se España leva sen gañar un festival desde os tempos de Massiel e Salomé é pola proverbial teima que o mundo lles ten aos españois. "E non pensáchedes que quizais unhas poucas independencias serían a solución para gañardes Eurovisión? Os cataláns habían votar a España como os serbios votan a Bosnia", chancean os meus colegas de San Marino.

Eurovisión en vernáculo
Comentarios