Martes. 25.09.2018 |
El tiempo
Martes. 25.09.2018
El tiempo

De volta á Idade Media

TANTAS VECES estes días, sempre que un xuíz decide enchoupelar un rapeiro, ao confundirmos os delitos de odio e a liberdade de expresión —e viceversa—, cando comprobamos que os do boicot aos produtos cataláns e quen celebran os excesos das mentes uniformadas están a facer senón máis si tanto pola independencia como a memoria de Guifré el Pilós e o lazo marelo de Guardiola xuntos, escoitamos o ripio de rigor: "Estanos a quedar unha Idade Media que nin pintada". Pois non. Xa vos vale.

Entre o Renacemento florentino, os ilustrados franceses e George R.R. Martin construíronnos unha imaxe do mundo medieval —tiña eu un profesor en COU dos que dicían Medioevo e Yugoeslavia— un chisco distorsionada, amigas. Que moita democracia de Atenas para arriba, que moita filosofía clásica para abaixo, pero ben rápido agochamos que estaban sustentadas por man de obra escrava —seguro que han repoñer Ben Hur estes días, bótenlle un ollo— e que eran profundamente misóxinas, entre outros detalliños sen importancia.

'The Accolade', de Edmund Blair Leighton. EPAi, a luz do mundo clásico. Que marabilla a Idade Moderna. Que ben a morte das sociedades campesiñas e o advento da sociedade industrial e mesmo da postindustrial. Todo así. Esquecemos que moitos dos males achacados aos tempos escuros medievais —a Inquisición e a caza de bruxas, os cintos de castidade ou unha moral castradora— son produto do Renacemento en diante, das incipientes clases burguesas, do efecto que o luteranismo, o calvinismo e a contrarreforma trentina católica tiveron desde o século XVI.

A cotío relaciónannos a Idade Media como épitome da submisión feminina. A investigadora Silvia Federici, en El Calibán y la bruja, defende a tese de que o capitalismo se sustentou na desposesión das mulleres do control sexual e reprodutivo dos seus corpos; na persecución de solteiras, parteiras, curandeiras, compoñedoras e de todas as que tiñan coñecementos cridos perigosos e que facían delas persoas valiosas e con poder para a comunidade. A Idade Moderna converteunas en bruxas, queimounas en piras e devaluou a súa función social e a súa transmisión de saberes, e restrinxiu os corpos das mulleres a creadores de forza de traballo.

O historiador francés Jacques Le Goff sitúa o comezo da Idade Media no século IV, cando a monxa galega Exeria viaxa máis aló de Constantinopla e escribe a primeira guía de viaxes, o Codex Aretinus. Xa ve, tamén era mentira que o Códice Calixtino fose a máis temperá das Lonely Planet; seguro que o electricista de Bertamiráns tampouco o sabía. Hildegard von Bingen, Herrade de Landsberg, Christine de Pisan, a nosa raíña Urraca, as escudeiras escandinavas que vemos encarnadas na Lagertha de Vikings do Canal Historia... as mulleres compareceron na historia medieval; despois serían invisibilizadas.

Moitos dos males achacados ao tempo medieval son modernos

Nin sequera é certa a idea dun tempo frío e escuro: o Óptimo Climático Medieval deixou trescentos anos de sol e as altas temperaturas permitiron cultivos tan exóticos como as laranxas na Mariña e as viñas na rexión do Atlántico norte. Posibilitaron tamén as exploracións viquingas ata Islandia e Groenlandia, as súas incursións en Terranova e Vinland. Nada que ver coa Pequena Idade de Xeo que se viviría do seculo XIV ao XIX.

Á Idade Media debémoslle as universidades. Ao mellor non é o exemplo máis acaído estes días. Tamén os números árabes, a rotación de cultivos e a música polifónica. O Beowulf, as sagas nórdicas e as doncelas travestidas. Dragóns e mazmorras. Non semella que o mundo que acubillou o priscilianismo e que esculpiu dildos de canteiría, gárgolas como para un catálogo de Erika Lust e macacos con priapismo nas igrexas románicas rurais fose escandalizarse —é un dicir— pola procesión da santa cona insubmisa.

Un respecto á Idade Media.

De volta á Idade Media
Comentarios