Miércoles. 26.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 26.09.2018
El tiempo

De Recatelo a Montorio

Estabamos moi ocupadas e non lle demos abonda importancia ao feito de que Rosendo Mercado vén de anunciar xira de despedida

O meu compañeiro Jaureguizar adoita dicir que Rosendo Mercado e Josele Santiago viven nunha pensión no barrio lucense de Recatelo. Eu sei que é unha bilbaínada, o seu xeito de botar por fóra, porque nin o un nin o outro viñeron tantas veces ao San Froilán. Acabo de repasar a hemeroteca.

Quizais porque estabamos moi preocupadas vendo funcionar a máquina de picar carne en pantallas ultrachás de montes e moreas de pulgadas pasou un chisco desapercibida a noticia de que Rosendo Mercado, petrucio do rocanrol en castelán, anuncia unha xira de despedida. Será raro saír ao mundo e decatarse de que falta Rosendo dos palcos e dos carteis dos festivais máis guedelludos e kalimotxeiros.

Linlle hai uns anos ao crítico Diego A. Manrique que nunca dera entrevistado a Roberto Iniesta, o líder de Extremoduro, nin a Rosendo Mercado. Ao principio, entroume algo así como fachenda.Desde a prensa local eu publicara entrevistas con ambos os dous. É máis, no caso do Iniesta que non anda en pantalóns curtos, foi a promotora quen chamou, á redacción de El Progreso, para preguntar se me interesaba. Naquela conversa, fixaramos unha data e unha hora. Eu non as tiña todas comigo ata que no serán marcado en vermello no almanque de sobremesa soou o teléfono. Era Aldegunde, o garda de seguridade: "Chama un tal Robe que disque quedou de falar contigo hoxe".

Cando dei corrixido a fatada de repetirme na cachola "eu-entrevistei-a-Robe-e-Rosendo-e-Manrique-non-chincha-rabiña", veume o sentidiño. Robe adoitaba ser máis fuxidío para falar cos medios, pero Rosendo sempre fora alguén facilmente entrevistable. Ao mellor non lle coincidiu.

Sexa como for —ao mellor nesta altura o Manrique xa solucionou o tema e estamos aquí a gastar liñas ao parvo—, lembrei aquela primeira vez que eu falara con Rosendo Mercado. Foi no Diario de Pontevedra. Antes dun Cultura Quente de Caldas de Reis. En xullo de 2002. Tiña vinte e tres anos. Eu. Rosendo, algún máis. Era a primeira vez que facía de xornalista con alguén a quen lle mercara cassettes e entradas para os concertos. Podía reproducir o directo do cárcere de Carabanchel con todos os seus "Leñopasiempre", "s’osquiere", "muchasgracias". Sorte aí para xestionar a síndrome de Estocolmo. 

Déranme as seis en Carabás e quedaramos en falar ás dez da mañá

Déranme as seis en Carabás e quedaramos en falar ás dez da mañá. Cando aconteceu a conversa el viña con Rafaalbajo e Marianoalabatería na furgoneta, por Benavente, e a súa voz era veludo para os oídos en comparación coas palabras cazalleiras que saían do meu aparato fonador.

Hai dez anos, xa en El Progreso, pregunteille se sería o primeiro músico español en xubilarse vivindo do rock. Respondérame: "No lo sé. Alguno habrá, ¿no? A ver si llego". Coido que Yosi, de Los Suaves, lle tomou a dianteira.

Daquela, Rosendo Mercado xa botaba tempadas longas en Montorio, o municipio minúsculo de Burgos de onde procede a súa dona. Aínda que co paso do tempo Rosendo se parece cada vez máis a meu pai, que é un señor xubilado que bota patacas e pastorea gatos, fáiseme difícil imaxinar o tipo de Flojos de pantalón e Hasta de perfil coidando da horta no seu retiro rural na meseta norte.

Xa que Josele Santiago pisará Lugo este mesmo mes de marzo e aínda que sexa só por darlle a razón a Jaureguizar, que bonito sería que a xira de despedida de Rosendo non nos quedase moi a desmán. Agradecida. 
 

De Recatelo a Montorio
Comentarios