Miércoles. 23.05.2018 |
El tiempo
Miércoles. 23.05.2018
El tiempo

O chope do Día das Letras

Tal día como este 17 de maio, as redes sociais énchense de bolboretas, xoaniñas e escornabois, de morriñas e luscofuscos, sen vir moito ao caso

Manifestación polo Día das Letras Galegas. EFE
Manifestación polo Día das Letras Galegas. EFE

TENTADA ESTIVEN de escribir estas liñas en castelán. Porque si, porque me gosta, porque me peta e dáme a gaña, que diría Celso Emilio. E porque é a miña lingua materna, que servidora é tan alóctona e neofalante como María Victoria Moreno. Se institucionalizamos o 17 de maio como día para #lodelgallego, non quedaría moi punki e moi pintureiro regresar hoxe á españolísima lingua dos meus primeiros anos?

No Día das Letras, as redes sociais énchense de xoaniñas, bolboretas e escornabois —moito nos reina o bicherío— e doutras tantas palabras aleatorias como morriña ou luscofusco que ás xentes deste país se lles fan pintorescas e cuquis. Hai quen copia un poema ou un retrouso popular. Quen fai contas a ver se pode mercar un Kona, por iso de facer país. Quen partilla unha canción de Fuxan os Ventos o das Ataque Escampe. Tamén están as que se laian do apartheid da Real Academia Galega, que lles impide a autores nados en Galicia o recoñecemento polo 17 de maio. "¿Por qué a Camilo José Cela o a Valle Inclán no te les dan las Letras Gallegas?". Pois polo mesmo polo que a Paul Auster non o van premiar co Cervantes, que todo hai que explicalo.

Xa vin esta semana unha proposta de xogo de beber das Letras Galegas, achegada a través de YouTube e Twitter por @aqueleGZ. Ao primeiro ‘chorima’ escrito en Facebook sen vir ao caso, chope. Rechío do Partido Froilanista en Twitter, chope. Foto en Instagram na praia coa lenda ‘Día das Letras Galegas’, chope. Alguén virado porque a xente vai ás manifas sen saber a segunda parte do himno, chope. Un pronome mal colocado, chope. Ao meu ver, as listaxes de por que os galegos somos tan riquiños, tan de mar e monte e tan exóticos deberan puntuar dobre. E os cara-de-cona, carallos e demais que se aveñan ao abeiro do efecto Fariña terían que valer tres grolos. Se bebe, non conduza.

Os máis —sexamos sinceras— ollan para o almanaque laboral con degoiro, por iso de ver se as Letras caen a boa altura de semana. Desta volta, con iso de que a Xunta decidiu que sexa festivo recuperable, andamos un pouco amoladas coa data, para que negalo, mais fáisenos imposible non decatarnos de que as axencias de viaxes aproveitan o conto para argallar os seus paquetes Ponte das Letras Galegas: museos en Londres, monumentos en París, praia no Mediterráneo... Déixenme propoñer novidades: inmersión nalgunha das reservas indias do noso país que aínda dan sorteado a castelanización dos seus poboadores, curso de galego internacional intensivo en Coímbra ou Porto...

Comparan a cotío o Día das Letras coa Diada de Sant Jordi, que en Cataluña supón o grande acicate anual para a compra e agasallo de libros. Hai quen defende que o seu sería que o 17 de maio non fose de lecer, para que a xente fi xese gasto en publicacións e non churrascadas coa familia. Eu non teño tan claro que a ecuación resulte tan doada de resolver.

O Día das Letras está máis no Tánatos ca no Eros. Recoñece un señor —autoras, polo de agora, tres en 55 anos— que leva alomenos dez anos soterrado. Durante o curso, a rapazada estuda os seus textos nas escolas e mergúllase na súa biografía. Que che toca Manuel María, Lois Pereiro ou, como esta vez, María Victoria Moreno, e dan unidades didácticas ben chuliñas, pero tamén caen escritores con obra ben menos atractiva para o gran público.

O Día das Letras é o grande evento cultural do ano, mais camiñamos no gume da liturxización da lingua. De fixar unha pedagoxía que amosa homes —e algunha muller— en traxes escuros con medallas ao peito e que os identifica univocamente coa cultura galega.

Aínda así, eu botarei de menos hoxe a miña liturxia particular do 17 de maio: o paseo pola feira da Praza Maior e tomar nunha terraza un café con aroma a tinta e papel de libro novo.
 

O chope do Día das Letras
Comentarios