Martes. 13.11.2018 |
El tiempo
Martes. 13.11.2018
El tiempo

Cándidas e racistas

Perplexa e soa, morriñenta e cos cartos gardados no xustiño, desembarca nunha das maiores cidades do mundo e é conducida ao que chaman un hotel de inmigrantes

Niní Marshall, en Cándida. EP
Niní Marshall, en Cándida. EP

NINÍ MARSHALL chamábase Marina Esther Traveso e naceu en Caballito, Bos Aires. Seu pai fora de Santiso de Abres e a nai, da Veiga. Niní resultou un prodixio como xornalista, locutora, actriz de radionovelas, guionista e presentadora de televisión desde os anos trinta ata case que o seu falecemento, xa entrados os noventa. Creou para o cinema e para o imaxinario da Arxentina do século pasado o arquetipo da mucama galega cacholá, sacrificada, espelida e de bo corazón. 

Na película Cándida de 1939 vémola arribar a Bos Aires nun barco ateigado de galegos. Xa sabemos todas que pasaba en 1939 neste recuncho de Europa que leva expulsando xente desde a Idade Moderna.

Cándida, perplexa e soa, morriñenta e cos cartos gardados no xustiño, desembarca nunha das maiores cidades do mundo e é conducida ao que chaman un hotel de inmigrantes, nun cuarto cheo de liteiras onde comparte xergón con ducias de mulleres en tránsito: italianas, rusas, polacas... Viaxou sen contrato apalabrado e sabe que hai outra da súa parroquia que está por alí preto, na Habana, di. Quere que lle paguen corenta pesos de salario. Nunca no servizo doméstico traballou, pero calcula que coidar das persoas non ha ser moi distinto de atender os animais. O primeiro día, un langrán pretende estafala cun timo da estampita. Ao segundo, un oficinista quere cobrarlle comisión por colocala de empregada do fogar: "Pagar por traballar!!! O que me facía falta".

Hai uns días, en El Progreso, contaba Sabela Corbelle como os galegos foron escravizados en Cuba a finais do século XIX por obra da Compañía Patriótica Mercantil de Urbano Feijoo y Sotomayor. A feminista cubana Hortensia Lamar relataba en 1925 que un bo número de mulleres procedentes de Galicia caían na marxinalidade durante o proceso migratorio, onde eran abusadas e explotadas sexualmente por parentes e paisanos e se vían obrigadas á prostitución. A profesora Pilar Cagiao investiga como as galegas comezan a emigrar, tantas veces soas, a finais do século XIX e, sobre todo, logo da Primeira Guerra Mundial e resultan vítimas de redes de trata. Mesmo os sainetes e os tangos —"tu caída fue tan breve que, como bola de nieve, tu virtud se disipó", cantaba Gardel en Galleguita— reproducían o lumpen e a escravitude que atrapaba aquelas mulleres.

Centos de persoas fuxidas dun horror do que non teñen culpa navegan polo Mediterráneo. Poñémoslles concertinas e ingresámolos en CIE

Estes días. Neste mundo noso tan occidental e tan civilizado. Nos anos dez do século XXI, dúas xornalistas alemás, Pascalle Müller e Stefania Prandi, veñen de desvelar que as traballadoras temporeiras migrantes dos invernadoiros de amorodos de Huelva resultan maltratadas e violadas sistematicamente. Esta mesma primavera, soubemos dunha autoproclamada empresaria de Sarria que foi detida por escravizar tres homes colombianos nunha granxa de porcos. Cada pouco tempo as novas fálannos de adolescentes moldavas ou romanesas vendidas por menos de cincocentos euros no Arizona Market de Breko, en Bosnia Herzegovina, ou no Novi Sad serbio para seren prostituídas en Turquía, Israel, as teocracias dos amigos do Golfo ou nun bordel na nacional VI.

Mentres len estas liñas —se é que chegaron ata aquí— un barco, o Aquarius, con centos de persoas fuxidas dun horror do que non teñen culpa, navega polo Mediterráneo. Poñémoslles concertinas e ingresámolos en CIE, eses centros de internamento de estranxeiros nos que o recén designado ministro de Interior nega que se produzan vulneracións dos dereitos humanos, mentres outros colegas xuíces falan de "sufrimento, opacidade e impunidade policial". 

Atópome con mostras insoportables de racismo e ignorancia arredor das informacións sobre o Aquarius nas edicións dixitais dos medios e no Facebook. Non sabería dicir se o medo é maior ao noxo ou á vergoña. Non debéramos ter dó deles por sermos fillas, netas, bisnetas, bisobriñas, curmás, afilladas e demais familia de migrantes, senón porque son persoas. E tamén nós. Seica.

Cándidas e racistas
Comentarios