Viernes. 16.11.2018 |
El tiempo
Viernes. 16.11.2018
El tiempo

As escollas e as tripas

Que de Barricada che guste máis El Drogas que Boni non ten explicación lóxica, mais o de aborreceres o verán é tan só unha reacción fisiolóxica

#Veranuqui, dis? EP
#Veranuqui, dis? EP

DESDE NENA, comezas a posicionarte. A quen queres máis, a papá ou a mamá? Barbie ou Chabel? Ciencias —o triunfo na vida— ou letras? Praia ou montaña? Pantalóns pitillo ou de campá? Gafas ou lentes de contacto? SuperPop ou Ragazza? Star Trek ou Star Wars? París de Noia ou Panorama?

Esta semana vimos de saber que Boni de Barricada perdeu a voz logo dunha cirurxía para serlle extirpado un cancro de larinxe. A diatriba entre Boni, o guitarrista, e El Drogas, o baixista, era de curso ordinario a principios dos noventa. Boni cantaba Lentejuelas, Esta es una noche de rocanrol ou No hay tregua. El Drogas, Animal caliente, Balas blancas e No sé bien por qué. A algunhas lastimounos cunha dor familiar e incómoda o esfarelarse de Barricada e a perrencha tan fea que colleron aqueles señores vellotes hai un lustro. Es máis de El Drogas —no teu pedra, papel e tesoiras sempre (ou case) gañan as catro cordas— e agora que Boni non pode cantar, sénteste ata un pouco culpable.

Algunhas das escollas nacen da consciencia. Nese tempo pubescente no que se vai conformando o carácter, no que te constrúes un traxe máis contra o que che disgusta que sobre as túas aspiracións; cando te sabes a parte máis feble da cadea trófica, decides que Héroes del Silencio e U2, non, porque lles molan aos guais do instituto. Ti non es guai. Non estás remotamente no camiño de selo algunha vez. Nin ganas. 

Hai algo peor que o quero e non podo? Desa reflexión fica unha carraxe eterna aos zapatos castellanos e aos náuticos. Á moda hípica para a oficina. Aos cascos de montar a cabalo para andar en vespa. Ás perlas, ás mechas louras e á camomila. Aos estilismos de cheiran a iate amarrado en Puerto Chico. Ao branco ibicenco, o branco roto, o rosa pau e toda a trapallada que chaman nude ou cor maquillaxe. 

As máis das veces son as tripas as que che marcan o camiño. Raffaella Carrá, si. Era un si mesmo vinte e tantos antes de saberes polo Twitter de @almuestaharta que a Carrá, no Telecinco das mamachichos e Jesús Gil, achegábase ás traballadoras para preocuparse polas súas condicións laborais, baixarlles a pálpebra inferior e adiviñar se estaban anémicas. 

Non é que a calor che vaia mal porque foses unha adolescente con eyeliner, cabreada e melancólica, conformada á forza de levar a contraria

O cantar rouco e punki de El Drogas préstache máis có estilo máis jevocho de Boni. A reacción é máis fisiolóxica ca intelectualizada. Sucédeche algo semellante coa calor. Non é que che vaia mal porque foses unha adolescente con eyeliner, cabreada e melancólica, conformada á forza de levar a contraria. Non é unha pose. Tampouco rexeitamento a toda esa xente que finxe ser feliz mentres madruga para taxar un metro cadrado de area e postear en Instagram fotos dos pés mouros cos cancelos #playuqui, #veranuqui, #terrazuqui ou semellantes. 

Aínda non chegou o solsticio e xa levas o primeiro amago de síncope vasovagal. O teu corpo rebélase. Súa. Doe. Incha. Sofre choques anafilácticos. Sáenche rozaduras entre as coxas. Colles unha catarreira polo aire acondicionado. Queimas a raia do pelo e a caluga. Pelas. Levas a cara pegañenta do protector solar. Un día —só un— decides que ao mellor non che fai falta. Está medio anubrado. Malo será. Sáenche bochas nas orellas e unhas manchas no escote que aínda estarán aí no mes de febreiro para lembrarche a túa neglixencia. Pícanche os mosquitos, os tabaos, as vespas asiáticas e as do país e ata apañaches unha carracha baixo unha teta. Vas á praia: fungos nas inguas, cistite, febre e pracas na gorxa. O bañador mollado cárgao o demo. A ver se che acorda cando volvas en tres anos. 

Ti quererías encomendarte ao lume novo, á pantasma das vacacións Santillana e dos veráns que remataban en outubro, mais a realidade é moi teimuda. 

As escollas e as tripas
Comentarios