Blog | Nube tóxica

Un pálpito

EU TIÑA un pálpito. Xa me pasara algo semellante cando Lucía Pérez anunciou a súa intención de presentar a TVE no Düsseldorf Arena en 2011. Desta vez, eu xa vía a Margarita Ledo Andión como presidenta. Da Real Academia Galega, que é o que toca nas vindeiras semanas, pero se me apuran, no meu universo mental —ollo aí— a señora Ledo pode ser presidenta de calquera institución, colectivo, asociación de veciños, círculo recreativo ou club da calceta que ela queira.

Por iso levei un chasco cando o Jaureguizar pendurou o teléfono o pasado venres logo de falar con ela. —Que di que non se vai presentar. (Este é Jaureguizar).

—Ohhhhhhh. Que mágoa!!! E ti non lle dixeches que nos deixa orfas? (Esta, servidora, como unha auténtica ‘fangirl’).

Sei que Margarita Ledo lle dixo a Jaureguizar que non quere ser presidenta da RAG, pero eu aínda non dou a feira por perdida

Non veño aquí facer compilación dos moitos méritos intelectuais que ten Margarita Ledo para ser a vindeira presidenta da Real Academia Galega. É máis, a miña intención é darlle a volta a esta idea e convencelos, entregados lectores, de por que unha institución como a que ten sede na coruñesa Rúa Tabernas precisa de unha, dúas, tres... moitas Margaritas Ledo. 


Viaxemos a 1997. Son vinte anos de nada. Chove en Santiago, meu amor. Primeiro día de aulas logo dos exames de xaneiro na Praza de Mazarelos. Teorías da Comunicación Audiovisual, chámase a materia. Margarita Ledo aprendeume esas cousas que as fillas da clase traballadora, as nenas de barrio, chonis e poligoneiras, só temos a opción de que se nos presenten diante dos ollos se é que funciona o Estado de Benestar e podemos acceder á universidade pública e ás bibliotecas.

Aquel cuadrimestre fomos dos anxos con anteollos e as virxes preñadas e/ou aleitadoras da iconografía cristiá ao cartelismo modernista. Entre o inverno e a primavera de 1997 souben por primeira vez que, se ben Popov e Radchenko eran dous futbolistas do Racing dos rusos dos noventa, Rodchenko e Popova foran dúas das luminarias do construtivismo soviético. Namorei de Lilia Brik. Coñecín garçonnes e pinup. Achegueime a Rosa Parks, a Angela Davis e ás Black Panthers. Ás Guerrilla Girls e ás Riot Grrrls. Maruxa e Coralia. Os videoclips de Madonna.

Quizais Margarita Ledo nunca saiba o que eses catro meses de clase me teñen cundido na miña vida adulta; canto me teñen aproveitado. E non falo de rendibilidade económica ou laboral (que tamén, pero menos), senón como consumidora que son irredenta de baixa cultura, como conversadora en modo función fática nos máis inverosímiles escenarios.

De volta en 2017, o idioma, o elemento que sostén isto que se deu en chamar sistema cultural galego, leva camiño de se converter nunha lingua litúrxica, devén nun latín para académicos e nun engrudo deturpado na Rúa do Hórreo. Unha molestia burocrática que malamente sobrevive nas escolas e que desertou do patio de recreo. 

Aquel cuadrimestre fomos das virxes preñadas e/ou aleitadoras ás Guerrilla Girls e aos videoclips de Madonna

Por iso teño o convencemento de que alguén como a académica Ledo, xornalista, catedrática de universidade, cineasta, narradora e poeta nese club #todopirolos que é o dos poetas chairegos, mais tamén unha muller que no tempo do bravú quería ver os Túzaros pola TVG en Eurovisión, é a escolla máis intelixente. 


Só unha persoa absolutamente consciente do poder da cultura pop, do folclore deste tempo, para garantir que dentro de trinta anos aínda haberá falantes e escribintes por quen elaborar dicionarios e gramáticas podería emprender a encrucillada que se presenta para a Real Academia Galega. Para todas esas institucións que asociamos a señores con traxe escuro que fan cousas de señores con traxe escuro os días de gardar.

A cotío respiramos alividadas cando tropezamos sen querer con esa figuriña de cristal do bo que non tiñamos moi claro que lle acaese aos andeis da Billy (e que non facía máis ca coller po). As academias, os espazos do pensamento, piden a berros que alguén lles rache o canon e lles poña as gafas lila. Margarita Ledo ingresou na RAG en 2009, na cadeira que fora de Miguel Anxo Araúxo. "Unha muller marxista no lugar dun bispo galeguista", dixera ela naquela altura nunha entrevista feita por alumnos no instituto Ánxel Fole.

Sentín mágoa o outro día cando Margarita Ledo lle dixo a Jaureguizar que non tiña intención de ser a vindeira presidenta da Real Academia Galega. Por todo isto que lles veño de contar e porque sempre reconforta que unha das máis vetustas institucións do país teña á fronte unha señora feminista e tan moderna. E con estilazo, que non é unha cousa menor nun mundo de traxes escuros.

Xa sei que a Margarita Ledo non lle cómpre ser presidenta da Real Academia para teimar na visibilización das mulleres e na normalización das culturas minorizadas, pero que queren: eu tiña un pálpito. E Lucía Pérez foi a Eurovisión malia que os Auryn estaban enchufadísimos, non sei se lembran. Aínda non desbotei as esperanzas.

Comentarios