Blog | Nube tóxica

Ula miña xeración?

Britney Spears dicía que non era una nena, pero tampouco aínda unha muller. Ás que non somos Xis nin millennial dinnos xennial

CONTABA A semana pasada María Yáñez os seus dez anos en Facebook cunha moi atinada reflexión sobre a ditadura do 'gústame' na que que caímos alegremente e sen dó coa avenida das redes sociais. Ela, veciña temperá da parroquia dixital, non pinta precisamente unha utopía de aldea global. "Na segunda década de Facebook imos ir vendo e compartindo os efectos desta droga, imos empezar a ir a terapia, imos estudar por que é tan chungo estarmos aquí", sinala.

Estes días están as revistas de tendencias a rescatar un artigo escrito en 2014 —isto dá unha idea do que son as tendencias— pola xornalista Sarah Stankorb na publicación online Good. Foi naquel texto onde máis temperá referencia se atopa do que son os xennial, unha suposta xeración bisagra entre os Xis e os millennial, a dos derradeiros mohicanos que lembran como era isto antes de internet, e que pretendidamente abrangue as persoas nacidas entre 1977 e 1983.

E esa sería, amigas, a miña xeración. E a de María Yáñez, que somos dun tempo. E a de Beyoncé. Pablo Iglesias. Ana Pontón e Nacho Vigalondo. Hermione Granger e Manuel Jabois. Albert Rivera. Elena Candia. Alessandra Aguilar. Touriñán e Marcos Pereiro. David Amor e María Castro. Cristina Castaño e María Vázquez. Hope Solo e Didier Drogba. Ledicia Costas e Sabela González. Daddy Yankee ou Fernando Seoane.

Cando nos viñeron con que os signos do Zodíaco eran trece e non unha ducia, as Saxitario vivimos no gume da desesperación de nos converter en Ofiuco —lembra alguén algún cabaleiro de Saint Seiya de Ofiuco? Pois iso—. Desta volta, non me parece de todo mal ser unha xennial. Semella unha homenaxe a Xena, a princesa guerreira, icona do noso tempo. A pronuncia en galego, ademais, queda niquelada. Xennial.

Eu mesma bauticei unha xeración, a das escritoras de infantil galega de trinta e algúns, como Escarlatina


Xa en 2011, outra xornalista, Doree Shafrir, acuñara o termo de Xeración Catalano para falar daquelas que a principios dos noventa non eramos rapazas, mais tampouco mulleres, que diría Britney Spears. Toma Shafrir como referente a Jordan Catalano, o malote disléxico de pestanas longas interpretado por Jared Leto na serie My So Called Life, que Televisión Española emitiu como Es mi vida en 1995. Unha novísima Claire Danes protagonizaba este dramón adolescente que durou só unha tempada, polo que ficou unicamente na memoria das que naquela altura tiñamos unha determinada idade: nin nenas nin mulleres. Eu sempre fun máis de Brian Krakow que de Jordan Catalano, pero esa é outra historia.

"Non son da Xeración X, non son unha millennial; quen falará por min?", preguntábase Shafrir, editora executiva de Buzzfeed, na revista dixital Slate.

Os referentes de Sarah Stankorb e de Doree Shafrir son os da cultura branca occidental anglocentrista, a que nos contan que é universal, e talvez non sexan de todo válidos para aquelas que coñecimos o arado romano como algo diferente a un elemento de decoración. Nada que ver co atrezzo que se coloca a carón das leiteiras de zinc convertidas en paragüeiros ou das carretillas pintadas coas manchas das vacas suízas. Para darlles ambiente ás casas rurais, xa saben.

A escolla de 1977 e 1983 —ambos os dous inclusive— vén dada polas datas de estrea da triloxía orixinal da Guerra das Galaxias. Disque as xentes que nacimos nese tempo non tivemos teléfono móbil ata a universidade —un Alcatel One Touch Easy, en cuarto—. En 1998 pagabamos vinte pesos por cinco minutos de conexión a internet no Momo de Compostela. Hoxendía resistimos con contas de correo electrónico en Yahoo ou Hotmail.

Nas prácticas aínda nos tocou enviar carretes de fotos polo coche de liña e collerlles crónicas por teléfono aos correspondentes das comarcas. Procurabamos os faxes dos concellos e das asociacións veciñais nunha bandexa cunha pegatina que rezaba Hijuelas. Como quen di en dous días, deunos nos fociños un xornalismo de listaxes e de lo-que-sucedió-a-continuación-te-sorprenderá.

As xeracións apréndense na escola. A do 98 e a do 27 (e as Sinsombrero). A Xeración Nós e a Galaxia. Os Beat. E nos medios. Renegamos dos JASP (jóvenes aunque sobradamente preparados) da publicidade e do baleiro existencial dos Kronen. Abrazamos a inxenuidade fresca e urxente da Xeración Xabarín. Erguemos a cella ante certo tufo condescendiente dos "Yo Fui a EGB". Eu mesma bauticei unha xeración, a das escritoras de literatura infantil galega que andan nos trinta e algúns, como Xeración Escarlatina.

Agora, disque, somos xennial. As Ofiuco das xeracións.

Comentarios