Blog | Nube tóxica

O principio de acción/reacción

Vestir tanga, ademais de incrementar o risco de padecer unha candidiase, seica é un convite ao coito. A cultura da violación é mainstream, esparéxea Hollywood e permea o sistema xudicial

UNHA VEZ que pos as gafas lila, o mundo resulta moito máis complexo. Sufres. Moitísimo. As pelis que che gustaban, as cancións que te motivaban, non pasan a proba do algodón. E sénteste culpable. E unha mala feminista. Vives agotadoramente o novo filtro co que contemplas o mundo ao redor e roes o milleiro de contradicións do teu día a día.

Desde a mitoloxía clásica, triunfan as narrativas de que as mulleres somos manipuladoras e chunguísimas. De Pandora a Mata Hari. Das sereas que confundían a Ulises e a Helena que provocaba a Guerra de Troia por unha quentura no baixo ventre ata Stormy Daniels. As cazas de bruxas asentaron un imaxinario terrible na Idade Moderna e cimentaron o capitalismo na explotación do corpo das mulleres e na persecución e extinción daquelas que tiñan unha posición de poder no mundo comunitario das sociedades campesiñas: as curandeiras, as sabias, as mulleres soas que non dependían de ningún home. Fala Silvia Federici de holocausto feminino.

Es adulta e non podes evitar pensarte vulnerable cando camiñas soa á casa de noite. Sabes que as túas opinións serán recibidas con miradiñas condescendientes na oficina, no campo de fútbol e na consulta do médico e que terás que achegar probas irrefutables e unha chea de argumentos de autoridade —de señores, a ser posible— para que sexan tidas en conta

 As mulleres conformamos a metade (ou un chisco máis) da poboación do planeta e aínda somos concibidas desde os poderes públicos e mediáticos como unha minoría. Unha cota.

Arredor deste 25 de novembro no que se celebra o Día pola Erradicación das Violencias contra as Mulleres, os telexornais volven a vista sobre as asasinadas. Nos catorce anos que leva redactada a Declaración de Compostela, promovida polo Colexio de Xornalistas de Galicia, sobre o tratamento do terrorismo machista nos medios de comunicación, aínda non fomos quen de mudar estas informacións para abordalas como o que son, un drama social, e non como casos illados da crónica negra: nin crimes pasionais nin carnaza sensacionalista para os magacíns da mañá.

O asasinato, como solución final nunha orde na que as violencias son múltiples e mutantes, cantas veces sutís e case que imperceptibles, pero non por iso inofensivas.

Durante as últimas semanas, as irlandesas enchen as suas redes sociais con fotos da súa roupa interior. Un xulgado determinou que unha adolescente de dezasete anos non puido ser violada porque levaba tanga no momento no que se encontrou co acusado. E vestir tanga, ademais de incrementar o risco de padecer unha candidiase, seica é un convite ao coito.

A cultura da violación é mainstream, esparéxea Hollywood e permea o sistema xudicial. A sobrevivinte a La Manada, segundo o escrito das súas señorías de Iruña no que tamén se especifica que levaba tanga, non opuxo abonda resistencia. Como se salvar a vida fose pouca broma.

Desde o mundo occidental, aínda hai quen non dá resistido en erixirse en salvador branco das mulleres con hixab, baixo o presuposto de que elas non dan feito unha elección consciente, pobriñas. É máis violento que as mulleres de Irán xoguen ao volei praia vestidas de corpo enteiro ou que as federacións europeas obriguen as súas deportistas a ir en bragas como uniforme? Pois non o teño nada claro, amigas.

Por unha banda, alporizámonos e botamos as mans á cachola porque os adolescentes son súper machistas. Que mala é a internet. E o sexting. E os móbiles. E o reguetón. E as minisaias. E as barrigas ao aire. Por outra, normalizamos os «duelos de primeiras damas» como titulares nas revistas e enchemos papel, minutos de televisión —e a internet— con que Bella Hadid está moi fraca e que Demi Lovato puxo uns quiliños logo de internat suicidarse e pasar por unha clínica de desintoxicación. No entanto, sorpréndenos que as estrelas de cine, mulleres poderosas e fermosísimas e que non rachan as costuras do canon, se sometan a tratamentos ou cirurxías agresivas. Que maneira de estragarse! Por que faría iso? Pois non sei, colega.

No ecuador dos noventa, as revistas para rapazas incluían artigos que se titulaban Cómo hacer una felación inolvidable. Que si, que o saber non ocupa lugar. Que non digo eu que semellante técnica non mereza páxinas e páxinas en negro sobre branco, pero mellor nos tería ido a todas naquela altura se nos guiasen en gustármonos a nós propias. En coñecer ben os nosos corpos e non sentirnos acomplexadas. En sermos asertivas e mandar ao corno aos machiños de instituto que se crían Rocco Siffredi. En desmontar esa mentira un milleiro de veces repetida de que as mulleres somos malísimas entre nós. En amortiguar a necesidade de ser «unha dos muchachos» para sentirnos refrendadas.

Que hoxe as nenas leven camisolas de Non é non e que teñan certo que, sen Hermione Granger, Harry Potter non tería pasado do primeiro libro, a min paréceme un mundo. Algún día ao mellor podemos falar de desexo e non só de consentemento. Sempre haberá quen cuestione este feminismo pop de Taylor Swift e que estea aí para repartir carnés. Probablemente será un señor. Remedará que algunha vez sentiu dó polas vítimas de abusos sexuais ou polos dereitos laborais das mulleres embarazadas á espreita de que as Asia Argento e as Leticia Dolera se nos esfarelen. Buscaralle os tres pés ao gato para cuestionar as túas posicións vitais porque es gorda, lesbiana, les o horóscopo, fixeches a láser no pube ou trenzas de raíz nos pelos das pernas, levas un brinco no embigo, perreas cada sábado pola noite como se o fosen prohibir, porque te encamas con descoñecidos, porque es unha fríxida ou por todo a un tempo. O principio de acción/reacción. Nada novo baixo o sol.

Comentarios