Blog | Nube tóxica

As mulleres que non queren

Un recente estudo de Seth Wynes, investigador da universidade canadense da Columbia Británica, sinala que a medida máis efectiva na loita contra o cambio climático é termos menos fillos

O CONSELLEIRO de Sanidade díxolle á deputada Noa Presas que a natalidade en Galicia está como está porque hai mulleres coma ela que non queren ter fillos. É 2017 e hai quen sostén que de que nos queixamos hoxe as señoras –peor estaban as sufraxistas que non podían nin votar–, pero aínda as Xis, as xennial e as millennial temos que escoitar este tipo de comentarios un día si e o outro tamén. Na casa. No traballo. No paro. No Parlamento de Galicia.

Expresar en voz alta que non queres ser nai resulta algo así como confesarse seguidora da teoría dos antigos astronautas, da euxenesia ou coprofaxia. A procura da maternidade é algo que se nos supón a todas, sen distinción. Un instinto cuxa ausencia nos converte en mulleres incompletas, menos mulleres. Se es nova, o anatema de "xa verás como mudas de idea". Se non, esa ollada condescendiente e pensamentos de arroz estorriñado.

Egoístas. Cómodas. Desnaturalizadas. Pouco sacrificadas. Nun mundo que invisibiliza e desposúe de valor social a reprodución, a crianza e os coidados, que tola quereía ter fillos? A xornalista Silvia Nanclares relata con verdade e humor na súa novela autobiográfica ¿Quién quiere ser madre? a súa experiencia. Unha personaxe interpela á protagonista: "Coa vida que tes ti, como queres meterte a iso". Con "iso" refírese á agonía de verse cumprir corenta anos e que o predictor non se pinte de rosa no teu cuarto de baño.

Por outra banda, quizais vai sendo tempo de abandonar a asociación que relaciona indefectiblemente o non querer parir con ser egocéntrica e interesada. Ocórreselle algún acto de amor incondicional meirande que evitarlle a unha criatura vivir neste mapa físico e xeopolítico que estragamos a marchas forzadas? Ata os científicos refrendan esta teoría. Un recente estudo de Seth Wynes, investigador da universidade canadense da Columbia Británica, sinala que a medida máis efectiva na loita contra o cambio climático é termos menos fillos; cun impacto positivo moi por riba de vivir sen coche, reducir os voos transoceánicos ou facernos vexetarianas. Para quen retruque que no mundo desenvolvido xa nacen ben poucos nenos e que países coma o noso son os campións en taxas de natalidade ínfimas, o argumento de Wynes: se un habitante da República Democrática do Congo emite ao ano 30 quilogramos de CO2, un estadounidense produce 16,4 toneladas. Os nenos do primeiro mundo manchan máis.

E todo isto, sen pasar por esas familias que conciben a súa descendencia como un proxecto de status: as clases de piano, as de chinés, os certames de beleza infantil, o tenis... Se vai ser moito máis sensato e ecofriendly mercar unha mecedora Poäng de Ikea e adoptar unha manda de gatos.

Deixe vivir as que non queren ter proxenie, que non fan mal ningún, e preocúpese un chisco das que si


Agora que non nos le ninguén, ao conselleiro de Sanidade pediríalle, en confianza, sen acritude, que deixe vivir a quen non quere ter proxenie, que non fan ningún mal, e que se ocupe un chisco das que si queren. Das que son expostas a riscos graves para a súa vida e perden o útero logo de seren derivadas a unha clínica privada de Madrid para practicarlles un aborto terapéutico tras ocultárselles durante semanas malformacións que fan inviable un embarazo desexado. De todas as que agardan listas de espera e observan como as consultas de infertilidade pechan tres meses durante o verán, outro polo Nadal e quince días en Semana Santa por falta de medios. Daquelas que non dan saído de baixo o umbral da pobreza nin traballando. Desas outras que marchan cada mes a buscar a vida en Londres ou Berlín e que regresarán, con sorte, para o San Roque no mes de agosto. Quizais con familia; con nenos que se criarán noutro país. Das que fan números para pagar garderías privadas e das que se ven obrigadas a carrexar adolescentes quilómetros e quilómetros porque moito ven-vivir-ao-rural, pero moi poucos servizos. Das que asisten ao peche de escolas unitarias. Das que non acreditan como se deixou morrer un proxecto imprescindible como Preescolar na Casa por 400.000 míseros euros. (Cantos Preescolar na Casa collen na Cidade da Cultura?). Das que tiveron que deixar un emprego remunerado para que o seu vástago con parálise cerebral fose ao instituto. Desas que levan cinco ou dez anos para formalizar unha adopción internacional e reciben a boa nova: "Ou poñedes 14.000 euros máis ou acaba o conto". Das que lles dá a risa coa conciliación e os farrapos de gaita.

Non son casos figurados. Coñezo estas mulleres. Falei con elas. Moitas son boas amigas. Algunha vive no meu corpo e calza os meus zapatos

Comentarios