jueves. 02.04.2020 |
El tiempo
jueves. 02.04.2020
El tiempo

Mecano e a Mala Vellice

Prodúceme vergonza allea escoitarlles ás Babyboomers, ás Xis e ás Xennials repetir convencidas as marabillas da infancia e da mocidade nos oitenta. Sabedes que, amigas? Eu estiven alí e non foi para tanto

"Te dije: 'Nena, dame un beso'. Y tú no contestastes que no". AEP
"Te dije: 'Nena, dame un beso'. Y tú no contestastes que no". AEP

SUCEDE QUE hai xente, producións culturais e estilismos que terman moi mal do paso do tempo. Os libros de Enid Blyton que devorabas na preadolescencia cáenche das mans de adulta. Todos aqueles señores intensos que lles cantaban ás cousas importantes que ti escoitabas co fervor dos dezasete anos, a tal hora prodúcenche unha preguiza indescritible. As ombreiras que enganchabas baixo as tiras do suxeitador en oitavo de Exebé e aquel conxunto rosa chicle da Señorita Pepis son episodios que, tanto tempo despois, non quixeras que tivesen sucedido. Algo así lles pasa ás cancións de Mecano ou ás pelis dos Hombres G.

Esta semana, Ana Torroja ofendeuse moi forte porque unha concursante de Operación Triunfo —filla dun inspector de Hacienda, ollo— dixo que non se sentía cómoda ao cantar a palabra ‘mariconez’ na balada Quédate en Madrid, de Mecano, que lle adxudicaron para a gala do mércores. E a moza foi educada ao explicar os seus porqués e non cuestionou a creación artística de Mecano. Nin sequera apuntou que ‘mariconez’ é un vocablo que non existe no dicionario da RAE —para o que vos interesa ben que tirades del—, só na pericia métrica dos irmáns Cano, que riman Nueva York con "jamones de York" e "de quién es el hijo" con "me has engañao, fijo" e, por se non fose abondo, poñen a cantar tal ripio a Montserrat Caballé en Hijo de la luna. Poetas. Rapsodas. Vates.

Que exista debate sobre como usamos as palabras, a orixe que teñen e a súa resignificación é moi enriquecedor. Non só para os intereses de Gestmusic e de Operación Triunfo, que quizais precisaban para darlle rebumbio a esta promoción de 2018 que TVE lle pida perdón á Falange e unha polémica en redes socias desas nas que nos vai a vida durante corenta e oito horas para logo esquecela para sempre. Produce unha sensación agre ler os vellennials defender a inviolabilidade do cancioneiro de Mecano no nome da liberdade de expresión. Que, penso eu, liberdade de expresión tamén terán as de vinte e poucos que che sinalan que aquilo que foi o teu divertimento favorito é problemático e, ademais, francamente mellorable desde o punto de vista da composición lírica. "Si le chirría el cojinete, acompáñala al retrete". "Magdalenas de sexo convexo". Podería estar así ata pasado mañá.

Neste San Froilán, as da miña quinta (e pretéritas) entusiasmáronse unha vez máis con Hombres G, uns señores de máis de cincuenta que lles seguen a cantar ás "niñas". Xa era arrepiante en 1986. Trinta e pico anos despois é terrorífico. Amigas e coñecidas preocupadas porque as súas fillas escoitan trap e reguetón non lle ven ningún mal a "sufre, mamón, devuélveme a mi chica". Se tal, o "mamón", por malsoante. Non será que o de Maluma nos escandaliza só porque é sexualmente explícito e porque non é un rapaz esbrancuxado con chalé na serra de Madrid? Que ao mellor nunca nos paramos a pensar que a rapaza de ‘Sufre, mamón’ tiña unha opinión e algo que dicir en toda esta historia. Que quizais estaba chea de aturar ao David Summers, que a trataba como se fose da súa propiedade, e co ‘pijo’ andaba máis contenta. E, nesta diatriba, unha pregunta que nos temos feito todas algunha vez: como de ‘pijo’ era o neno ‘pijo’ para que lles parecese ‘pijo’ aos dos Hombres G?

Prodúceme unha sorte de vergonza allea escoitarlles ás ‘babyboomers’, ás xis e ás xennials —as do meu tempo, estas últimas— repetir convencidas as marabillas da infancia e da mocidade nos oitenta. Sabedes que, amigas? Eu estiven alí e tampouco foi para tanto. Deberamos facer un exercicio de autoconsciencia e sinceridade e recoñecer que tivemos que papar ben de purrelada. Foi case que unha cuestión de Estado. Morrera o ditador na cama e había que construír un pano de fondo de foguetería, hedonista, desideoloxizado e ben cargado de luces de neón, como se aquí nunca tivese sucedido nada. Un imaxinario, por certo, que ocultou e desprazou as formas de cultura subversiva, periférica, con conciencia de clase e vocación popular coetáneas ata condenalas á invisibilidade.

Vendéronnos unha modernidade de pastiche que naceu dunha alianza entre a esfera política e os grandes medios. Disfrazáronnos de transgresión trapalladas completamente inofensivas. Lexitimaron unha cultura popular dunha cualidade máis ca discutible que consumimos de xeito acrítico, como se este fose o mellor mundo posible. "Los pijos nos vencieron porque tienen la radiofórmula y el sistema". Escoitade a Gigatrón.

Que hai trinta anos non nos parecese importante cuestionar uns usos lingüísticos que axudan a perpetuar a misoxinia e a homofobia e hoxe si constitúe un sinal de progreso social, por moito que nos fagan pensar o contrario. É un avance, ao igual que non fumar nos bares e separar o lixo. No camiño, asistimos a un espectáculo de persoas que se resisten a admitir que o seu tempo xa foi. Xentes que botan escuma pola boca no nome da incorrección política e da pretendida liberdade creativa oitenteira; nin que Mecano fosen Eskorbuto ou Las Vulpess. Como se non tivesen soado as súas cancións na radio, de Hawái, Bombay a Aidalai, todos e cada un dos días desde 1982.

Sería unha fantasía que nunha vindeira gala de ‘OT’ tivese alguén que cantar La fuerza del destino. Si. A do videoclip con Penélope Cruz. Esa. A de "Te dije: ‘Nena, dame un beso’. Y tú contestastes que no". A ver con que cara ía defender Ana Torroja que as letras de Mecano son intocables.

Mecano e a Mala Vellice
Comentarios