sábado. 24.07.2021 |
El tiempo
sábado. 24.07.2021
El tiempo

Descoñecer o medio

O PRIMEIRO que aprendín en clase de inglés foi a canción dos ‘Little Indians’. Marimar, a seño, tamén daba música -Dinámica lle chamaban á materia na miña escola- e tiña unha bonita voz de soprano. Eramos corenta criaturas de sete e oito anos, máis algún repetidor, e Marimar enchía as horas cos ‘Little Indians’, ‘Old McDonald’ e ‘Baa, Baa, Black Sheep’, que intercalaba con ‘Eres alta y delgada’ ou ‘Molo, molondrón’, como se nada.

Tantos anos despois, vemos como as nosas cidades, as nosas vilas, se enchen de colexios plurilingües onde a rapazada estuda ‘Saiens’ -pronunciado así- no canto de Coñecemento do Medio. Como todo o mundo sospeitará, saber das cousas que temos arredor, como lles chama a nosa xente, é un completo atraso.

Hai tan só uns meses, nos comentarios ao vídeo en YouTube do ‘Alcolitos’, esa versión do ‘Despacito’ dos Páramo Pictures que en pouco máis de dous minutos sintetiza as dúas posturas case que irreconciliables sobre o invasor australiano, alguén preguntaba: «Que son os castiros?». Que xa sei que non é tan grave. Que o de castiro é un luguesismo e é máis común no conxunto de Galicia falarmos de castiñeiros.

«Son carballos», dicía outo alguén na primeira resposta ao inquérito. Confío en que nas aulas de ‘Saiens’ que substitúen as de Coñecemento do Medio un máis alguén lle aprenda á cativada que en Galicia hai -ou había ata que os pinchamos, vaia- ‘oaks’ e ‘chestnut trees’ e que non son a mesma árbore.

No Estado español das autonomías e das comunidades de veciños queremos ser plurilingües, que é moi positivo iso dos idiomas (o galego, non; que quita tempo e non serve para ensinar ‘Saiens’ nin mates). Quere ser vostede plurilingüe? Quere que a súa proxenie sexa plurilingüe? Pois a ver quen é a guapa que di que non.

A Comunidad de Madrid, en tempos de Esperanza Aguirre e no medio de efluvios de bacharelato de excelencia, foi a primeira en instaurar os colexios bilingües. Como eles non teñen a cruz do galego, pois en inglés e castelán, como deus manda. Resulta que dez anos despois o modelo revelouse como un auténtico fracaso que non convence nin a familias nin a docentes e que condena o alumnado a non aprender nin ‘Saiens’ nin inglés, amais de repercutir na fractura social. E nesta análise coinciden sensibilidades tan dispares como a da área de educación de Izquierda Unida e a de Javier Marías.

Se unha repasa os programas de estudos de estados de toda Europa decátase de que poucos lle dedican máis horas -e desde idades tan temperás- á materia de inglés que España. E todo, sen contar o tempo extraescolar. Por que, entón, tan deficientes resultados?

Pois ao mellor teriamos que pensar, ocórreseme a min, que a eiva está no como se ensinan as linguas (as estranxeiras e as propias) e non no canto.

Confío en que nas aulas de ‘Saiens’ alguén lle aprenda á cativada que en Galicia hai ‘oaks’ e ‘'chestnut trees’'

Desde logo, nalgúns dos lugares onde exhiben mellor competencia comunicativa na lingua de Katy Perry e Idris Elba, o idioma vehicular das aulas non é o inglés... excepto na clase de inglés. É máis, en países como Finlandia, cun sistema educativo case que enteiramente público, os nenos comezan a escola aos sete anos e ata os dez non se inician no estudo dunha lingua estranxeira. Mesmo fundamentan a adquisición de todas as demais destrezas nunha aprendizaxe concienzuda da lingua nai. O vernáculo do 93% da xente de Finlandia é o finés, un idioma que falan pouco máis de cinco millóns de persoas e que ata os anos vinte do século pasado fora o idioma B fronte ao sueco. Non sei se lles fai familiar a historia nun país onde os nenos teñen clase de ‘lengua’ e mais de ‘gallego’.

Botei boa parte da miña adolescencia a descifrar as letras (en inglés) do ‘Ticket To Ride’ e o ‘You’ve Got To Hide Your Love Away’ dos Beatles, do ‘Zombie’ de Cranberries ou do ‘Like a Prayer’ de Madonna coa miña amiga Laura, nacida en Madrid e que hoxe cría os seus fillos en catalán en Maçanet de la Selva. Tantos anos despois pregúntome: por que lle chaman ensino plurilingüe cando todo o reducen ao inglés? Será por linguas no mundo...

«O galego, que ten vinte e oito fonemas, é tan válido como idiomas africanos do deserto do Kalahari que contan con máis de cen fonemas e tanto como calquera das linguas de signos. Calquera lingua serve para transmitir calquera tipo de coñecemento e quen afirme o contrario carece de rigor científico».

O neurocientífico focego Xurxo Mariño teima en facer entender que o saber de galego e en galego ten unha chea de vantaxes, incluídas as cognitivas, e que a morte dun idioma é a desaparición, para sempre, dun universo mental de características únicas, que emprega pronomes de solidariedade e que é capaz de marabillas como acuñar a palabra porcoril para o cruce de xabarín e porco vietnamita que tolea os cazadores e os grafistas da Televisión de Galicia.

Como lle chamamos ao porcoril nas aulas de '‘Saiens’'?

Descoñecer o medio
Comentarios