martes. 26.05.2020 |
El tiempo
martes. 26.05.2020
El tiempo

A decepción e o armario

Que Epi e Brais foron, ou son, un matrimonio bostoniano, era algo canon, que asumiamos todas. Menos os señores de Barrio Sésamo

O GUIONISTA Mark Saltzman anuncioulle ao mundo estes días na revista Queerty algo que todas sospeitabamos. Epi e Brais eran (xa non son?) mozos. Non é que fose difícil tirar conclusións. A dinámica entre os dous, como de escenas de matrimonio; as camiñas xemelgas, como de parella que xa pasou por varias reconversións; a roupa a xogo.

Ante unha nova de semellante calado, apuráronse a saír ao paso tanto Frank Oz, creador xunto a Jim Henson de Epi e Brais, como Sesame Workshop, a organización que está detrás do legado de Barrio Sésamo e de todos os seus personaxes. Nunhas poucas horas esforzáronse en facernos saber que Epi e Brais son monicreques "sen orientación sexual", malia seren personaxes "con características humanas e identificados como masculinos". A explicación podería ser ata medio convincente se non fose porque, durante todos estes anos, nin Frank Oz nin Sesame Workshop amosaron ningún problema coa hipersexualizadísima porca Peggy e as súas quenturas pola ra Gustavo.

Non facía falta un apareamento estilo National Greographic

Os armarios son problemáticos ata na ficción. Hai uns anos, xa coa serie de novelas rematada, Jotaká Rowling revelou que Albus Dumbledore, un dos personaxes principais de Harry Potter, era homosexual e que tivera unha relación romántica con Gellert Grindelwald, un dos viláns da historia, quen levara o seu amante ao gume de comportamentos fascistoides. Naquela altura, a nova foi recibida con entusiasmo. Con todo, axiña xurdiu a pregunta: se a señora Rowling trazara esta historia de desamor para na construción narrativa, como é que non a levou aos libros? Estaba na súa man, e o feito de que o fandom adolescente con máis seareiros do mundo dispuxese dunha trama abertamente gai teríalle axudado á normalización LGTBIQ+ na cultura pop.

Jotaká viña decepcionando as potterheads —así se chaman— dun tempo a esta parte. O millón de libras contra a independencia de Escocia —agora, co do Brexit, séntese estafada. No pecado leva a penitencia—. O apoio incondicional a Johnny Depp como actor na nova franquicia de películas que se están a filmar sobre o universo pottérico... A pinga que colmou a paciencia das fans está na constatación de que os personaxes de Dumbledore e Grindelwald coincidirán en pantalla no tempo no que aconteceu o seu temiña, pero non haberá ningunha referencia explícita. Cousas da Warner Bros., seica. Ai, amigas, a calificación por idades nos Estados Unidos de América, que nos derrama a billeteira. Que non facía falta unha sesión de apareamento estilo National Geographic para facer ver un apaño romántico entre dous señores. Que as parellas hetero se achuchan nas pelis para todos os públicos. E non pasada nada. Aquí, paz, e despois, gloria.

Claro que Epi e Brais poden ser unha parella gai. Mesmo dous amigos, gais ou non, que se coidan e se queren, que tampouco é algo que se vexa tanto na ficción Ao meu ver, Epi e Brais son como as #SeñorasQueSeEmpotraronHaceMucho dos fíos de Twitter de Cristina Domenech. Eu percíboos na mesma frecuencia que eses matrimonios bostonianos do mundo anglosaxón; as mulleres aristócratas do tempo xeorxiano e vitoriano que vivían con amigas moi íntimas para fuxir de casamentos concertados e previsiblemente infelices, que se escribían cartas de sentida paixón e durmían xuntas, pero que aos ollos das súas familias eran virxes puras e virtuosas porque ninguén podería imaxinar tan abxectas pulsións nas señoritas de boa familia. O mesmiño lles pasa a Frank Oz e Sesame Workshop con Epi e Brais.

A decepción e o armario
Comentarios