Blog | A lume maino

As que levan o temón

HAI CASE un ano o Concello de Pontevedra poñía sobre a mesa unha proposta para denunciar situacións de acoso a través das redes sociais. Co hastag #Primacoso abrollaron as situacións vividas por milleiros de mulleres máis alá das portas da cidade e de Galicia enteira. Na rede dos 140 caracteres reproducíanse os testemuños, primeiro delas sobre situacións vividas nas aulas, no traballo e mesmo pola rúa, ós que se foron sumando eles tamén con historias do máis común, co tufo do machismo e a complicidade social de pano de fondo ou esa excusa de pouso cultural en moitos casos. Miles de persoas apoiaron esta iniciativa que puxo de manifesto todas as caras do acoso que coñecen a día de hoxe unha gran maioría de mulleres de todas as idades e condicións.

Un ano máis tarde, é a quenda das mulleres do celuloide. Desde que as actrices de Hollywood puxeran o foco sobre o produtor Harvey Weinstein, ó que acusan de abuso e nalgún caso de violación, ese mundo de brillo de diamantes, flashes e envexas, signo do éxito con glamour, escureceu como unha noite sen lúa. Grandes donas da séptima arte deixaron á luz os episodios máis sombríos da súa profesión, con situacións de abuso de poder, acoso sexual e micromachismos por toneladas.

Desde a meca do cine, dos soños e das superproducións, chegaron os relatos de actrices como Meryl Streep, Penélope Cruz ou Cate Blanchet, entre outras moitas, recoñecendo ter sufrido nalgún intre da súa carreira propostas violentas, ter dado cunhas mans demasiado longas, afrontar castings humillantes ou ter esquivado chantaxes e demais. Pouco a pouco engadíronse nomes dos seus compañeiros, que ó fin condenaron estas condutas de sobra coñecidas, o que reforza esta denuncia global contra o acoso.

Tamén a esta beira do charco, onde se escoitan voces de alerta de que estamos dando pasos de xigante cara atrás no que a igualdade se refire, as nosas actrices recoñeceron publicamente terse visto acosadas e as súas carreiras perigar por non ser consentidoras. Esta mesma fin de semana nas páxinas da Revista algunhas actrices da terra recoñecían que o marabilloso e cobizado mundo do audiovisual non é tan idílico como o pintan. Sheyla Fariña, Ledicia Sola ou María Vázquez falaron de papeis secundarios, de trato desigual a uns e outras, de mulleres na sombra. De talentos relegados á apariencia física, da normalización do acoso ("dá a volta, bonita, deixa que te vexa ben") e das listas negras.

Hoxe temos claro que aínda segue a haber moito camiño por diante, moito traballo que facer desde as aulas e desde as casas, a publicidade e os medios de comunicación, desde a literatura e a sobremesa, pero aquí xa non cala ninguén. O silencio da vergonza, ese medo ó xuízo público, empeza a esvaecerse e cada vez son máis as mulleres que se atreven a erguer a man e dicir en voz alta "a min tamén me pasou". "#MeToo".

A boa noticia é que certas condutas antes asumidas como normais están en cuestión hoxe en día e loitamos contra elas, pero temos que ir máis alá en todos os eidos. "Queremos levar o temón e chegaremos a facelo, pero aínda non", dicía onte mesmo a escritora e poeta Eli Ríos neste mesmo recuncho. Falaba de literatura, pero sobre todo de igualdade.

Hoxe pregunteille á miña pequena de tres anos que quere ser de maior. Decidiu que princesa. "E por que non astronauta? As astronautas van á lúa", dixen. "Pero eu quero ser princesa", insistiu ela. "E médica? As médicas curan ós nenos que están maliños". "Inventora?..." Ela caloume. "Mamá, vou ser o que eu queira ser...". O que ela queira ser.

Comentarios