Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

... E que entre o aire

Ventás abertas con vistas ó centro histórico de Pontevedra. DAVID FREIRE
Ventás abertas con vistas ó centro histórico de Pontevedra. DAVID FREIRE

C ANDO aquel fotógrafo de Ourense que pasara un tempo percorrendo Alemaña e retratando os galegos na diáspora chegou á vila á que emigraran os seus curmáns, chamoulle poderosamente a atención que as portas das casas permanecían abertas e as bicicletas aparcadas fóra. A calquera hora do día. Naquela vila do val do río Kocher non había cancelas nin tampouco candados. Incluso cando preguntou se non lles preocupaba que llas levaran, os seus familiares alemáns responderan á galega. "E logo? Por que nola ían levar se é nosa?", dixeran sorprendidos. "Seica no voso país se deixamos a bici sen candado na rúa lévancha?". El rascou a cabeza, e quedou pensando, pero non respondeu. Logo continuou facendo fotos.

Contábame unha compañeira de carreira que marchara un ano a estudar inglés a Nova York, hai máis de quince anos xa, que ás veces quedaba apampada observando o ir e vir dos cidadáns, cruzando rúas e collendo taxis amarelos. Víaos achegándose ás máquinas expendedoras de xornais, que agromaban nas beirarrúas como as bocas de incendios das películas. Estaban abertas. Os que querían collían un diario, un só, e deixaban as moedas. Ninguén arramplaba co monte de periódicos, sen máis. Non daba crédito, dicía. "Na miña casa desaparecíame o diario do portal día si, día tamén".

É como a historia dos autobuses en Roma. Nos foros de viaxe sempre hai alguén que pregunta se o bus na cidade do amor é de balde. E non. Pero como os revisores non pasan moi a miúdo algúns turistas deciden non sacar o billete na tabaccherie. "Ó final o día que pasa o revisor sempre acaba multando a algún español", advertiu un compañeiro que pasou alomenos un curso de Erasmus ó pé do Colisseum.

Empezamos a espertar cando nadabamos nun mar de corrupción

Cousas da idiosincrasia nosa, seica, ou desa natureza que nos sae, desa tradición de picaresca que nos acompaña desde os xenes ata a literatura e as sentenzas xudiciais que hoxe empezan a caer coma lousas sobre reputacións e gobernos.

Aquí, neste recuncho solleiro do mundo, bailar sobre os lindes da lei non só está eticamente aceptado, senón que non se entendería o contrario se se trata de esquivar o fisco. Quen atopa os buraquiños máis agochados para sortear as obrigas tributarias é considerado un lince, e quen marcha coas contas millonarias cara paraísos fiscais segue sendo un patriota sempre e cando deixe asomar as bágoas ó escoitar o himno ou ver desfilar as cores da súa bandeira.

A ver quen non deu cunha consulta privada que non acepta tarxeta de crédito; ou cun profesional que en lugar de factura pretende entregar albarán. Quen non coñece a un parado que fai traballos de estrangis. Ata hai empresas que utilizan as axudas públicas pensadas para incentivar o consumo para redondear un chisco os ingresos. Por poñer algún exemplo.

Nalgúns países do noso contorno unha mentira, unha infracción de tráfico, un positivo nun control de alcoholemia... son razóns máis que suficientes para rematar cunha carreira política.

Aquí, só empezamos a espertar cando xa nadabamos nun mar de corrupción. E o que falta por ver e por demostrar. Algúns analistas subliñan que o acontecido na última semana –da dura sentenza da Gürtel á moción de censura de Sánchez a Rajoy e ó cambio de Goberno– demostra que esta democracia aínda está sá. Que empezamos a abrir as ventás do noso sistema político para ventilar, que falta facía. Que hai esperanza non sei si de ser máis europeos, pero alomenos si un pouco máis honestos e solidarios.

Eu penso que para iso temos que empezar por abrir as ventás das nosas casas. E que entre o aire.

... E que entre o aire
Comentarios