Jueves. 15.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 15.11.2018
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Co fío da afouteza

Redeiras en Combarro. RAFA FARIÑA
Redeiras en Combarro. RAFA FARIÑA

A PRIMEIRA vez que vin un grupo de mulleres tecendo unha rede foi durante a crise do Prestige. Naquel novembro de 2002, ó tempo que a ameaza do fuel avanzaba coa marea cara a riqueza galega, vogaba o medo sobre a auga, como unha lingua pegañenta e velenosa. Para facerlle fronte, mulleres de todas as idades, construíron círculos de sororidade nos peiraos e empezaron a tecer conxuntamente unha gran rede para deter a temida marea negra. En Combarro, un grupiño de mariñeiras e mulleres de mariños prometían, cos dedos aceirados e a pel das xemas levantada pola agulla, e cos ollos navegando nun mar de tristura, que eran quen de confeccionar unha rede tan grande que podía ser capaz de unir as dúas beiras da ría de Pontevedra. Coseron día e noite, un día e outro, enfiando a afouteza nunha nasa colectiva, que lanzaron á auga entre todos e todas, ata que alguén dixo pola tele que a ameaza empezaba a afastarse da costa a diluírse no horizonte ou afundirse sen máis.

A nosa historia está ateigada de casos de mulleres que sumaron os folgos para sacar adiante o seu fogar ou o seu pobo. De redes familiares que se estenden baixo os pés dos fillos e as fillas.

A última vez que vin un grupo de mulleres tecendo unha rede foi hai cinco minutos. Desde que en marzo de 2018 unha marea violeta empezou a avanzar cara o corazón das nosas cidades, grupos de mulleres de todas as idades, profesións e condicións, empezaron a trazar novos círculos de sororidade e a engarzar a súa afouteza para crear unha gran rede contra a desigualdade que cruza países enteiros, de mar a mar.

E de entre todas as iniciativas que xurdiron ó abeiro desa data xa emblemática, naceron tamén as @xornalistasgalegas, un colectivo que procura visibilizar á muller desde os medios de comunicación cunha dobre perspectiva. "Trátase de denunciar as desigualdades a nivel colectivo e a maiores tamén de analizar o que podemos facer nós como xornalistas para mudar as cousas", subliña María Jesús Argibay, unha das integrantes deste grupo. Esta rede, que xorde para poñer sobre a mesa do xornalismo a perspectiva de xénero, vén de nacer traballando. Así, por unha banda, crean unha guía de referentes femininos para ter en conta de cara as informacións, analizan a situación laboral real das xornalistas hoxe en día, a fenda salarial, a igualdade ou non de oportundiades e, entre outras iniciativas, prevén crear un observatorio de xénero que bote os ollos ó tratamento da muller nos medios. @xornalistasgalegas, que xa botou a andar tamén nas redes sociais, estarrica os seus brazos por todo o territorio nacional, ata dar a man das homólogas doutras comunidades. "Trátase de crear unha rede desde todas as asociacións que se están a constituír por todo o país, ofrecendo a nosa propia experiencia", engade outra voceira da formación.

Aquelas redeiras que hai dezaséis anos deixaban os ollos naquela fibra que lles despelexaba os dedos traballaban convencidas de que unha por unha non podían deter a ameaza negra do seu futuro, pero que xuntas eran quen de deter toneladas do chapapote máis tóxico para protexer as praias brancas das súas paisaxes, o legado dos seus fillos, o seu propio futuro. Hoxe, como entón, son moitas as mulleres que engarzan palabras coa afouteza precisa para encarar unha das peores lacras que navegan á deriva polos nosos mares, a da desigualdade.

Co fío da afouteza
Comentarios