Sábado. 17.11.2018 |
El tiempo
Sábado. 17.11.2018
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

A miña estrela

"Cando criamos que coñeciamos todas as respostas, de súpeto,cambiáronnos todas as preguntas" (M.Benedetti)

EFE
EFE

POUCAS COUSAS enchen os meus pulmóns como un paseo con conversa á súa beira. Ás veces fico mirándoa, aí de pé diante de min, coma unha árbore nova, que medra cara o ceo, e non podo evitar preguntarme de onde saiu ese preludio de primavera que debeu de coarse unha noite ás agachadas na casa e cambiarse pola pequeniña que durmía no berce.

Recoñezo os seus olliños tenros devecendo por min cando collo ós seus irmáns no colo e os convirto nun saco de cóxegas. Ela esculca a escena con fame de aloumiños. Non di nada e agárdao todo e, daquela, corro a abrazala para que recorde que sempre será a miña estrela, quen me outorgou o papel máis importante na vida, e que sinta que o lazo que nos une non se pode resgar sequera.

Dáme medo non saber tratala, danar a súa beleza de flor de maio. Non saber aconsellala, non guiala ben nesta espiñenta e marabillosa andaina, non poder afastala das trampas que terá arredor, como persoa e como muller, ou asustala demasiado e pechala nunha burbulla da que só sexa quen de saír co medo encadenado ós seus pés.

Preocúpame non dar coas palabras axeitadas para que medre libre e feliz; ou non escoller ben os alimentos que lle poño no prato, neste mundo ameazado polos microplásticos; nin as opcións que lle poño diante dos ollos, neste mundo ameazado pola desigualdade. Preocúpame a imaxe que lle devolve o espello no que se mira. As voces que soan arredor dela, as esixencias que abrollan detrás de cada pantalla. As cores da paisaxe que lle estou a pintar e os monstros, que tamén os hai. Malia que estou convencida de que ten a sorte de ter nacido na cara luminosa do mundo, onde cada día e cada noite son máis as mulleres que se erguen para trazar a ruta das que veñen detrás. Que non o vexa.

Como moitas e moitos pais e nais, temo que, rumbo a esa adolescencia infame, deixe de mirarme como me mira. Que deixe de acubillarse como o fai cando por fin durmen os pequeniños e son de novo só para ela. Que deixe de confiar nas miñas palabras que agora, aínda lle soen estrañas, planta na profundidade da terra. Faime sentir tan afortunada. Tan forte e vulnerable a un tempo. Eu chámoa raíña, meu amor, meu corazón. Dígolle cousas cursis como que a quero ata a lúa e ata aquela estrela que brila tan lonxe e que atopamos xuntas un verán. E repítolle todos os días o importante que é ler contos para soñar ben alto, e lerllos ós demais tamén.

Admiro a serenidade da miña avoa que con 92 anos zumega calma entre os bicos que reparte entre netos e bisnetos. Non mira sequera as mans cando sente tempo se lle vai escorregando coma area entre os dedos. A min o cambio de estación devórame por dentro. Que pasa se un día miro para atrás e me cae enriba o baleiro dos minutos perdidos? Supoño que por iso moitas veces esperto xusto ó amencer.

Pensabamos que o difícil era arrolar un bebé, adiviñar se ten sono ou fame, sobrevivir a un embarazo, unha lactancia, a meses sen durmir, ós ciumes e ós berrinches. Á conciliación. Saber cando hai que quitar o cueiro, respostar preguntas difíciles e manter os amigos. Tapar os enchufes, vixiar as escaleiras, calcular a dose do Dalsy, superar virus e dentes, trámites e consellos alleos...

Pero coido que o realmente bo empeza agora. Xa co título do primeiro ciclo baixo o brazo, temos tíquets dabondo para a montaña rusa da mocidade. E teño tanta ilusión como vertixe.

A miña estrela
Comentarios