Blog | A lume maino

A bela vella Europa

Grand Place de Bruxelas. DP
photo_camera Grand Place de Bruxelas. DP

AO FINAL da Rúe de la Colline, entre larpeiradas de chocolate e luceciñas de nadal, emerxe, rexia, a Grand Place de Bruxelas. Vieiros adoquinados da nosa Historia, adornados con luces que emulan as grandes lámpadas dos salóns de época, desembocan na considerada por Víctor Hugo como a praza máis fermosa do mundo enteiro. "Só despois do Obradoiro e a Praza de San Marcos",  engade cun sorriso o secretario xeral do Eixo atlántico,  Xoán Vázquez Mao, que dirixe unha expedición de xornalistas galegos e portugueses ata o corazón da Unión Europea.

Presidida por unha gran árbore de nadal que medra paralela á torre do Concello, está custodiada polas casas gremiais e a Casa do Rei, un impresionante conxunto arquitectónico formado por edificios de pedra e ferro, que visten luces de cores que bailan cada media hora no espectáculo 'Son et lumiére' que deixa coa boca aberta a turistas achegados desde todos os recunchos do mundo. Alí, preto da estatua de Everad´t Serclaes, europeos e non europeos maridan unhas cervexas belgas artesás cos típicos mexillóns.

Tres rapaces loiros ataviados co uniforme militar e armas de gran calibre mestúranse entre a multitude.  a música que soa en Bruxelas parece quedar para sempre nas galerías Shubert, e non se chega a escoitar polas rúas dos -aínda- 28 países que oen falar de Europa como dun ente abstracto ó que os políticos locais evocan para encher a boca de cartos ou anunciar medidas de austeridade. Non en van, unha das teimas de parlamentarios e funcionarios hoxe en día é baixar a temperatura do Eurobarómetro, que volve marcar unha desafección dos cidadáns ó que se cociña nos fogóns institucionais. Ó tempo que os xornalistas percorren as salas da Comisión Europea e se adentran polas bambalinas do Parlamento na procura de Puigdemont, un eurodeputado socialista de lugo anuncia que o imposto do Sol ten os días contados.

​Sobre a mesa parlamentaria, os glifosfatos, a violencia de xénero ou a acuicultura. Dous eurodeputados portugueses falan de estender máis pontes dunha beira á outra do Miño, —que xa cantou Xurxo Souto que non é fronteira, senón arteria— e aseguran que esta Eurorrexión pioneira que leva da man a Galicia e o norde de Portugal ten moito que dicir. Un voceiro do departamento de Mobilidade e Transportes da CE traza en italiano o percorrido para o Corredor do Transporte Europeo que nada ten que ver coa proposta explicada polos empresarios galegos e desde o centro de emerxencias anúnciase a posta en marcha dun programa de intervención en catástrofes, como os incendios que no verán asolaron Portugal levando por diante máis dun cento de vidas, e o 15 de outubro fixo o mesmo con Galicia e catro vidas máis. 

Fóra desas estancias azuis, revestidas en madeira ("aquí vai medio amazonas", dixo unha compañeira de OndaCero), chega o recendo a gofre con chocolate. Soan campaíñas nun mercado de nadal de conto, ateigado de figuriñas de Tintín, próximo á Place de la Bourse pola que hoxe xa non pasan coches, como en Pontevedra, e onde tralos atentados de marzo de 2016 os cidadáns pintaron con tiza mensaxes de solidaridade. 

Fálase inglés, francés, portugués, castelán e galego arredor do pequeniño Manneken pis, no Atomium e no enésimo control de seguridade. E os xornalistas van gravando e tecendo novas conversas arredor dunha profesión á que hoxe tamén se evoca desde Bruxelas para achegar un pouco máis a música que soa no corazón da vella e bela Europa.  

Comentarios