Blog | A lume maino

Xaque ó esquecemento

Maletas cheas de solidariedade e un xadrez rumbo a Azraq

UNHA IMAXE que Daniel non pode quitar da cabeza é a de ducias de homes e mulleres agradecendo na despedida, metade en inglés metade en árabe, a súa visita e pedíndolles que volvan axiña, coas bágoas saltándolles dos ollos e a man apretando no corazón. Por iso esta segunda viaxe ó campo de refuxiados de Azraq, na fronteira entre Siria e Xordania, ten o sabor das promesas cumpridas e a emoción dos abrazos que están por chegar.

Contara hai un ano que o primeiro impacto fora brutal. Aquel inferno é unha pequena cidade de casas diminutas prefabricadas, levantada en pleno deserto cos cartos do petróleo nun dos países máis pobres e xenerosos do mundo, Xordania. A xente non ten luz nas súas vivendas, se é que se lles pode chamar así, e o primeiro que fan cada mañá é saír na procura de auga, ben lonxe. A temperatura é extrema. Igual cá desolación. 250 persoas chegan cada día ata alí. 40.000 agardan aínda para entrar. 130.000 xa o habitaban hai un ano. Familias enteiras arrincadas do seu país polo horror da guerra. Non me vou estender contándoo. Non é novo. Témolo tralas costas. Levamos moito tempo falando dos campos de refuxiados que abrollan ás portas de Europa, que nos devolven a imaxe do que fomos un día, onde o tempo semella terse estancado de non ser porque os nenos van medrando sen máis horizonte que os montes de area. Algúns non coñecen outra realidade que a que hoxe os envolve en pó. Outros levántanse co sol cada madrugada coa intención de transformala, un anaquiño alomenos. Entre estes últimos atópanse os voluntarios de oenegués como Acnur e Unicef, que contactaron cos mestres que hai un ano levaran o xadrez ata o deserto co proxecto 'Estratexia pola paz' para pedirlles "que volvan". Que sigan ensinando ós seus nenos, que formen un pouco máis ós monitores, que creen unha segunda escola, convencidos do poder terapéutico deste deporte e da importancia de que as persoas que sobreviven en Azraq non só enchan un tempo baleiro que se volve insoportable, senón que saiban que non están soas, que a este lado do mundo hai alguén que si pensa nelas.

Por iso, o vindeiro xoves os mestres internacionais da Escola de Xadrez Pontevedra Daniel Rivera e Pablo García, a psicóloga e adestradora Alba Piay e o presidente de Ajedrez sin Fronteras, Álvaro Van de Brule, viaxarán de novo a Xordania. Desta volta súmase á aventura o tamén mestre internacional lucense Julio González.

Levamos moito tempo falando dos campos de refuxiados que abrollan ás portas de Europa


Hai un ano a idea de erguer unha escola de xadrez no deserto fora un éxito e os organizadores víranse desbordados, ata o punto de que pasaban o día case enteiro impartindo clases a quen o solicitaba. Nesta ocasión xa saben que teñen por diante dez días intensos de emocións e horas de xadrez, de serenidade e ata de felicidade momentánea en medio do pesadelo.

Ademais do material recadado para poñer en marcha unha nova escola, dos libriños para instruír ós futuros mestres e de milleiros de fotocopias con táboas e do material específico doado pola Once para nenos e nenas con discapacidade visual, este grupo de xadrecistas leva a equipaxe cargada da solidariedade dos alumnos de distintos colexios polos que foron relatando a súa experiencia no campo de refuxiados.

Unha desas maletas, unha ben grande, vai ateigada de lapis, pinturas de cores e gomas, e outra con debuxos de alumnos do colexio de Tenorio, no pequeno municipio pontevedrés de Cotobade, con mensaxes cheos de agarimo para os nenos e nenas sirios.

Os integrantes desta expedición solidaria levan xa dous meses apurando un cursiño de árabe porque, malia que o nivel cultural é elevado naquel inferno e non resulta difícil comunicarse en inglés cos máis dos habitantes de Azraq, para os máis pequeniños é máis doado facelo na súa lingua materna.

A experiencia é tan dura como positiva, insiste Daniel. Un gran de area nun deserto, engade. Algo necesario para concienciar á xente do que alí acontece. Estratexia e serenidade para quen precisa esperanza. Os que van coñecen a xenerosidade sen límite dos que non teñen nada. Como aquelas familias que os convidaban a té, malia que quedasen sen auga. Xamais poderán esquecer o terror nos ollos dos nenos que se envolvían sobre si mesmos cada vez que sentían sobrevoar un dos avións da base que se ergue preto do campo. Saben que se van reencontrar coas apertas, como as que recibiron hai un ano, e coas miradas profundamente agradecidas de tantos homes e mulleres que, sin deixar de agarrarse o corazón e chorando como meniños, lles pedían hai un ano que non os esquezan nunca.

Por sorte, aínda son moitos os que non se conforman. Persoas valentes e inquedas con capacidade para cambiar destinos, dispostas a coller una furgoneta, enchela de maletas de cores e humanidade e aparcar por un tempo as súas vidas para rescatar a outras do noso esquecemento.

Comentarios