domingo. 05.07.2020 |
El tiempo
domingo. 05.07.2020
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Os titiriteiros

Espectáculo de títeres. GUILLE LÓPEZ
Espectáculo de títeres. GUILLE LÓPEZ

ESCOLLÍA UNHA esquina céntrica e recollida da cidade que estaba a percorrer, acomodaba o seu violín no ombreiro e, coa cariña branca deitada sobre a caixa de música e catro cabelos rebeldes descolgándoselle pola fronte, empezaba a agarimar as cordas. O ollar no infindo, a dozura nos dedos, o arco nas notas. Conforme te ías achegando ó centro podías escoitar ese pranto fermoso que acompañaba as concurridas tardes de verán. Na esquina de enfronte, un home novo de mans ásperas, que convín que debía de ser carpinteiro, sacaba dunha maleta roída polos anos uns bonecos atados con cordeis e facíaos bailar ó son da melodía que envolvía a tarde. Manexaba os seus destinos durante relatos de apenas cinco minutos. Artellaba os monicreques con habelencia cunha cruz de madeira que recollía os fíos, e os protagonistas respondían ó seu ditado. Subían as mans, tapaban os oídos, botaban a correr arredor das pernas do artista. Algúns viandantes detíñanse a escoitar, outros pasaban de longo, ignorando o acento das marionetas. Imbuídos polos seus propios veráns, nin sequera escoitaban as notas que agromaban desde a outra punta da rúa.

Aquel titiriteiro trataba de acaparar a atención do público con algunha algueirada que outra. Vixiaba de esguello a caixa metálica que mantiña aberta ó pé da escena,na que agardaban unhas moedas solitarias. Os seus personaxes eran tan tenros como pinochos que non quixeran abandonar os cordeis porque estaban cómodos coa súa danza dirixida. Durmían nunha caixa vella de coiro, co interior forrado con teas suaves. Sacábaos para facer un pequeno teatriño á solleira. E logo volta a durmir. Non precisaban moito máis que uns aplausos e un recuncho confortable no que esvaecerse.

Debino de ver hai un ou dous veráns na Praza da Peregrina de Pontevedra, ou tal vez na rúa Príncipe de Vigo ou na Raíña de Lugo. Dá igual. Lembreime daquela estampa esta semana, na que crin ver unha morea de monicreques desfilando cos seus fíos por detrás na pasarela do cotián e unha sorte de aprendices de titiriteiros tratando de afacerse co movemento das súas cordas. Son tan pouco hábiles que se lles ve o truco de lonxe.

Se un levanta a vista da pantalla do móbil pode velos. Están por todas partes. Algúns ocupan sillóns parlamentarios ou aspiran a facelo. Xaora, tratan de borrar mestrados pantasmas a gran velocidade dos seus currículos inflados. Por fortuna, están tan confiados que se lles ve o movemento das mans. Outros arrodean o poder cos brazos estarricados e as bocas ben abertas. Hainos que, desde algún universo paralelo, escorrégannos as imaxes que lles interesa que vexamos para condicionar a nosa opinión, o noso voto, para espertar conciencias ou rematar de adormecelas. Que queren inclinar a balanza dunha votación? Pois fan un buraco na maior rede social pola que se coan milleiros de datos, e brotan todo tipo de novas, reais ou non, que van impactando na nosa mirada. Que queren xustificar un ataque bélico contra un país arrasado por todos? Pois fíltranse as imaxes máis terribles de pequeniños sufrindo o que semella un ataque químico de hoxe ou de hai cinco anos e... voilá, excusa en bandexa.

O peor son todos aqueles que antes denunciaban a arte dos titiriteiros e hoxe adestran o manexo dos fíos entre bambalinas e aínda por riba o xustifican.

Seica hai que estar preparados e camiñar á espreita, por se un dá con eles, ou se enreda nun dos seus fíos. E de paso, deitar un violín no ombreiro para, cos ollos abertos e o arco na alma, facer soar aínda máis forte a nosa música.

Os titiriteiros
Comentarios