Blog | A lume maino

O xogo do teatro

Unha escena da obra Os reis caóticos. RAFA FARIÑA
photo_camera Unha escena da obra Os reis caóticos. RAFA FARIÑA

ÉRGUESE o pano e aparece unha muller con camiseta e pantalón negro e cunha gorra estilo Gatsby chea de ideas marabillosas. Acomoda os lentes sobre o nariz e cóntalle ó público que enche o patio de butacas o día no que se adentrou nun cole do interior lucense e descubriu unha aula cun pequeno escenario, na que os armarios se convertían en camerinos e as cadeiras e as mesas construían paisaxes. Alí, o alumnado facía «o xogo do teatro», contou. Unha escola da que esta actriz, asegura, quedou prendada ó instante. Desde entón achega ós nenos e nenas de Pontevedra a esencia daquela aula escolar nun obradoiro de expresión dramática, plástica e musical (así se anuncia nos folletos oficiais) que leva por nome Á procura do tesouro e polo que pasan ducias de nenos cada ano.

O pasado domingo a actividade que dirixe María Campos, de Migallas Teatro, baixou o pano por este curso. Fíxoo trala representación da obra ‘Os reis caóticos’ a mans dun grupo de rapaces e rapazas de entre dez e doce anos, que agasallaron ó público familiar cun divertido cóctel de historia, arte e moito humor. Sobre as táboas desfilaron Boticcelli, Leonardo, Rafael e Leonardo Da Vinci, pero tamén Américo Vespuccio, Colón ou os reis Isabel e Fernando e mailos seus vástagos e un gato moi falcatrueiro chamado Pancho. Todos eles encarnados por cativos e cativas que arrodean a preadolescencia, deses dos que se di que, se os deixas, seica pasarían o tempo cos ollos mergullados en pantallas, pero que cando lles das un guion e unhas pautas, sorpréndente cunha divertida revisión do noso pasado e unha actuación para quitar o sombreiro.

A cativada recreou durante preto de dúas horas esa aula que namorou a María Campos no Teatro Principal, e antes de que o público se decatara, todos iniciaron o fantástico xogo do teatro no que todo é posible, desde descubrir como se lle ocorreu a Miguel Ángel esculpir ó seu famoso David, a saber de onde sacou Boticcelli o título do Nacemento de Venus e quen bautizou as tres carabelas que arribaron a América co almirante de Poio. Entre outras divertidísimas ocorrencias. Hai a quen lle pareceu un chisco longa, pero era preciso para que o elenco ó completo puidera demostrar as súas dotes interpretativas!

Non sei se algún destes rapaces seguerá polo camiño da actuación de maior, aínda que tampouco é importante. Polo de agora están aprendendo a construír unha escena, a empuxarse e arrouparse uns ós outros, a colocar a voz para proxectala ben, a rir dun mesmo e perder a vergoña. A improvisar en galego e facelo ben -o que non é pouca cousa nestes tempos tan crus para a lingua-. A compartir a arte de mergullarse en distintos personaxes, homes e mulleres, de representar moitas vidas diferentes, que soan dos libros de historia e ata aplicarlles unhas boas doses de retranca. E toda esa aprendizaxe voa tamén cara os pais e nais que os contemplan coa boca aberta e as bágoas (de risa) lanzándose meixelas abaixo ó tempo que aplauden entusiasmados.

Di María Campos que se todos os colexios tiveran cadansúa aula para o xogo do teatro, Á procura do tesouro non tería razón de ser. Pero eu non o creo. A min, que me gustaría ser nena para poder apuntarme e subirme ó escenario con tanta ledicia como verdade, o que me parece é que as xeracións de rapaces e rapazas que pasaron polos obradoiros do Pazo da Cultura nos últimos quince anos saben de sobra onde agocha o pirata Escarapote o auténtico tesouro, ese que se destapa ó final de cada curso. Unha pista, non está nun cofre de lambonadas.

Comentarios