Blog | A lume maino

O reto de Pablo

"La muerte no es triste, lo triste es que la gente no sepa vivir y reconocerla"
Pablo Ráez #retounmillón

AÍNDA LEMBRO o olor a medicina e desinfectante e a soidade dun vello hospital no que hai moitos anos pasei demasiadas horas ó carón de alguén moi importante. Non esquezo aquela cadeira con catro parafusos, un en cada esquina, tan dura como fría e de respaldo condenadamente baixo, que sostivo o meu desvelo noites enteiras. Nin olvido o rostro dos enfermeiros que entraban e saían da estancia para os que a nosa dor acabou por formar parte da paisaxe cotiá.

Pero se hai algo que non me quito da cabeza daqueles días é unha ventá. Unha gran ventá pechada. Achegábame a ela na procura dun pouco de aire de cando en vez ou fitaba a través dela coa cabeza recostada ó outro lado da cama, perseguindo a liña do horizonte cun ollo pechado e outro aberto. Un aberto e outro pechado. Tiña memorizadas as vistas: a pedra milenaria, a pizarra xeada dos tellados sobre un lenzo verde. Se un avión cruzaba o ceo imaxinaba que voaba dentro, tan alto coma lonxe. Se os meus ollos daban coas rapazas novas abrazando os libros camiño da facultade, ou coas nais bulindo de aquí para alá ou cos nenos saltando e xogando pola rúa preguntábame como era posible que ninguén reparase naquelas ventás e en quen ollaba a vida, tan marabillosa e delicada, desde o outro lado.

Non era quen de entender que fóra daquelas catro paredes, lonxe daqueles corredores eternos e grises o mundo puidera seguir dando voltas coma se nada. Pasei os días tratando de buscarlle unha saída ó pesadelo no que andabamos sumidos e gardei para min as ganas de abrir aquela ventá e gritar como nunca. Así que collín un caderno e ateigueino de pensamentos, versos e historias por madurar.

Pablo si atopou a maneira de abrir aquela fiestra. Este rapaz malagueño foi, é, quen de asomar de corpo enteiro e berrarlle ó mundo que tralo cristal dun cuarto dun centro sanitario do Sur de bate a súa loita. Pablo Ráez é un gladiador. Un neno andaluz que se enfronta a unha enfermidade infame e ás súas durísimas consecuencias. Levou a súa andaina ata a Rede e conseguiu que miles de persoas ergan a vista e miren para o edificio no que todos os días alguén durme ó seu lado, co nariz pegado ó cristal. Conta Pablo que tamén hoxe a vida de alguén, a súa propia e a de milleiros de persoas coma el, dependen da solidariedade dos que camiñan por abaixo, alleos a pinchazos, sondas e doses de morfina.

Coñecín a Pablo a través de Internet, por un deses post que se convirten en virais. Dunha sinceridade que punza a alma e dunha tenrura que a agarima. Deportista, de grandes ollos escuros. Ten vinte anos, unha forza descomunal e, por segunda vez, leucemia. Logo de permanecer corenta días ingresado desta segunda volta e de perder a vista no camiño, di que xa lle mirou á cara á morte. Que xa non lle ten medo e por iso ten máis forza que nunca para dar a batalla. A súa esperanza depende dunha doazón, dunha médula compatible. Así que un día iniciou unha campaña na procura dun millón de persoas dispostas a doar e xa conseguiu mobilizar a milleiros en todo o mundo.

Pablo é Mateo, que onte se recuperou grazas a un doante compatible. E é o pequeño Víctor, outro pequeño heroe do que os seus pais din que está a mellorar tralo trasplante de médula ósea. E é cada un dos nenos de Nupa que agardan unha oportunidade, e aqueles outros polos que centos de persoas botan a andar cada ano na Pontevedrada á espera de que a xenerosidade de alguén se cruce no seu camiño.

Ás veces, de camiño a casa, coa imaxe de Montecelo ó lonxe, penso en algún a c o m p a ñ a n t e dalgún doente que pasará a noite nun hospital calquera, asomado a algunha ventá cun ollo aberto e outro pechado, e logo ó revés, facéndose preguntas e tratando de encaixar pezas.

"Si quieres donar, vas a donar. No te pongas más excusas", di Pablo que nas máis das súas fotos loce bí- ceps para lembrar que non se rende. "Y si difundes este mensaje que sea realmente para que lleguemos al millón de donantes. He perdido la vista pero tengo los ojos más abiertos que nunca". Así que hoxe son eu a que volve a mirada a esa ventá.

Comentarios