Blog | A lume maino

E os deberes sen facer

"Se aceptamos que os adultos podemos vivir, traballar ou divertirnos de formas moi diferentes, por que cremos que todos os niños deben aprender do mismo modo e adaptarse ó mesmo tipo de escola?"
Carlos González, pediatra

HAI UNS anos, cando aínda non había nenos, penduraba da parede da entrada da miña casa un enorme marco de cristal. Daquela enchiamos o tempo e mailas paredes con lembranzas das viaxes e as festas que viviamos. Naquel cadro iamos mudando a foto, á procura da imaxe preferida, coma se fose a pantalla do móbil hoxe, só que a gran escala. Ás veces permanecía baleiro. Outras non. Unha lámina pintada en Londres, un concerto nunha praia de Udra. Un lenzo de outono nos bancais da Ribeira Sacra. Un mar de bateas infinito. Unha suite do Desmond Tutu de NYC. Non sei en que momento aquela ventá ás nosas lembranzas, acabou relegado a un recuncho case invisible da casa e no seu lugar alguén colocou un corcho que empezamos a encher de rutinas e avisos. Alí mestúranse hoxe raias de cores con corazonciños e citas pendentes do médico, horarios e menús escolares, algún que outro post it con recordatorios de datas importantes como aniversarios, vacinas ou material pendente de comprar e os deberes que están por facer.

Coma se dunha aplicación en 3D se tratase, as tarefas pendentes saltan hoxe á vista en canto entras pola porta e neses segundos que tes para descalzarte e poñer a blusa a salvo antes de que os pequenos se te boten enriba cos bigotes de chocolate ou de tomate ou de mocos ou dunha mestura de todo o anterior... xa tes unha panorámica das cousas que podes borrar da lista e das que quedarán para o día seguinte. O tempo. Ese cobizado ben tan escaso hoxe en día.

Hai un intre, no xantar, cando non hai sestas sen durmir nin pescado na mesa, nin chamadas a deshora no que todo é felicidade. Flúe a conversa, os risos, as bromas. Os colos e os bicos. Normalmente dura pouco. Porque sempre acontece algo. Voa un vaso de auga, un interrompe ó outro. Calquera cousiña e empeza a discusión. Pasa tamén á hora de facer os deberes, que a calma dura ben pouco. Supoño que é parte da gracia, malia que,é doado esquecer os consellos de expertos como o pediatra Carlos González e remata por levantar a voz ou propoñer un castigo sin saber ben para que.

Lin que a Confederación Española de Padres y Madres de Alumnos vén de facer un chamamento á insumisión das tarefas escolares. Leva a Ceapa o debate ás escolas ó propoñer que nas fins de semana de novembro lles digamos ós cativos que ignoren o que lles encarguen do cole, que non se fan. Carai, se mo chegan a dicir a min cando tiña dez anos e levaba aquelas inxentes cantidades de problemas para casa, tería dado enormes saltos de alegría.

Pero non creo que a solución estea en poñer en tea de xuízo ós profesores. Coido que se o sistema educativo de hoxe ten lagoas, que as ten, estas non se solucionan pasando de facer os deberes. Probablemente iso ten máis que ver con mudar as leis educativas en función de quen goberne; con ir a rebufo no que as novas tecnoloxías se refire, e permitir que os recortes cheguen á aula. Ten máis que ver con manter un sistema educativo que apenas difiere do século pasado. De que vale rebelarse contra os deberes se seguimos apostando pola competitividade e a produción en liña no canto de ver en cada neno un talento diferente, unha oportunidade, se non apreciamos as distintas sensibilidades dos nosos cativos e os convidamos a ser creativos e únicos. Se non os convidamos a descubrir o mundo a través dos xogos, dos contos, das experiencias. Os deberes son unha lata, é certo. Tamén para os pais e as nais, que xa temos os corchos ata arriba de post its e cousas pendentes. Sentarse ó carón do teu fillo para estudar require dunhas boas doses de paciencia e de tempo. Un tempo escaso que hoxe temos perfectamente repartido entre as extraescolares, as horas de xogo e as de sono.

Probablemente o dos deberes sexa a gota que colma o vaso, pero en lugar de rebelarnos contra eles, deberiamos revolucionar de verdade o sistema educativo actual, dunha vez para sempre, poñendo ó fronte, ó colectivo de profesores. Como neses países do Norde no que buscamos os espello tantas veces. Pero tamén cómpre unha revolución nos tempos que ten esta sociedade, entre os horarios escolares e os dos traballos, para que conciliar non sexa só cousa dos programas electorais e poidamos volver a encher de fotos as paredes da casa.

Comentarios