Blog | A lume maino

A conquista do espazo

Do patio do recreo á universidade, ós grandes despachos ou ata a lúa. Unha historia de mulleres e de pequenas grandes conquistas

Un neno e unha nena.AEP
photo_camera Un neno e unha nena.AEP

PARA FALAR da distribución dos espazos puxo de exemplo o patio dos colexios á hora do recreo. Foi no congreso Mulleres que opinan, celebrado en Pontevedra hai dous meses. Como norma xeral, a maior parte das zonas de lecer dos centros escolares está destinada a campo de fútbol, explicaba a xornalista Marta García Aller. A autora do libro El fin del mundo tal y como lo conocemos relatou que ela quería xogar nese espazo máis grande reservado para os rapaces, ela apuntábase e sempre a elixían de última por ser unha nena, aínda que tiña bastante máis xeito que moitos dos seus compañeiros ós que se lles intuía unha capacidade innata para dar patadas a un balón. Outra xornalista, Fernanda Tabarés, tamén evocou o valor simbólico do seu patio. Lembrou aquelas estreitas marxes que arrodeaban o campo de fútbol da escola para que as nenas puideran xogar á comba ou ó que fose. Era o lugar establecido para elas.

A min non me deixaban xogar. As mestras do meu tempo dicían que o fútbol non era para nenas, que collera unha corda e me puxera a saltar, mentres os meus compañeiros de clase miraban desde o terreo de xogo con total indiferenza. Como insistía un día tras outro, unha vez unha monxa sacoume de alí a rastro, dicindo que era polo meu ben, que os nenos eran moi brutos e me podían magoar, que a ver onde ía unha meniña coas pernas cheas de negróns. E que "non, e punto". Así que logo de moitas negativas desistín, malia que sempre que había un partido especial de profesores contra alumnos suaba a camiseta tanto ou máis que calquera.

Na miña escola había un segundo patio algo máis pequeno que compartiamos as máis das nenas e algún compañeiro que detestaba o fútbol. Uns xogabamos ó brilé ou á goma e outras paseaban polos laterais parolando ó tempo que tomaban a merenda. Nunca pensei que aquela distribución dos espazos fose tan importante. Aquel era o noso mundo, e do noso mundo ás nenas tocábanos o anaco máis pequeno e limitado.

Hoxe sabemos que o noso camiño vaise trazando desde o berce. Que xa na nenez se van debuxando os lindes que están aí desde que temos memoria. As cores: rosa para elas, azul para eles. A linguaxe: "Por que a eles se lles di que son valentes e campións e a elas o bonitas e preciosas que locen?", preguntou onte a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na presentación dunha iniciativa da Universidade de Vigo que ten por obxectivo poñer as enxeñerías e as carreiras tecnolóxicas, co horizonte máis próspero e necesitado de talento, no camiño das alumnas.

Acontece que a primeira muller que pisou a lúa chamábase Valentina Tereshkova. Foi tamén a primeira muller astronauta. Poucos son os que saben o seu nome porque nos libros de texto só aparecen as referencias ás pegadas que Neil Armstrong deixou no satélite. E como a súa xesta, a de moitas mulleres científicas, tecnólogas e enxeñeiras que acadaron importantes logros para a humanidade ó longo dos tempos permanecen na sombra.

Non é preciso mirar para o ceo para visualizar espazos ós que se nos ten restrinxido o paso, pero si o é que animemos ás nenas a voar máis alá das liñas brancas de xiz, a camiñar sen horizontes preestablecidos a xogar nos campos grandes. E tócanos ensinarlles a mirar cara as estrelas, porque teñen que saber que se en verdade queren, algún día poderán chegar ata elas. 

Comentarios