Blog | A Nación Portátil

Humillar a Ferrín

A Real Academia Galega enviou recado a Ferrín. Freixanes require que lle diga que si ou que non, pero non todo o contrario, sobre se vai volver polos seus pasos á institución. Ferrín advertira de que marcho que teño que marchar por esta altura hai catro anos. Daquela, paseara pola casa das Tabernas coma un poeta asmático, levando unha bolsiña branca de plástico, como dan na farmacia para as pílulas da tensión, e entregara a súa medalla -un detente bala contra a ignorancia- despois de bicala crentemente nun curruncho cando pensaba que non o vían. Foi un acto ferinte para unha dignidade serodia. Méndez Ferrín non é o primeiro divo que se sente desprezado. Dende logo, non se mira nas augas dos estanques con menos namoramento que Alonso Montero ou que Franco Grande, outro dous que desatenderon o seu labor na Academia. A que vén este requerimento concreto?  Pasaron catro anos dende que quedou rendido e desarmado. Era precisa a última humillación a un intelectual necesario para o país coma Ferrín? . Nunha institución que desenvolve a súa actividade nun ámbito de símbolos e egocentrias, había que acordar agora de que a RAG se rexe por un regulamento vulgar e humano? 

Comentarios