Blog |

Os nosos

NESTA SEMANA das Letras Galegas todos postureamos (as miñas desculpas por utilizar o verbo posturear) sobre o importante que é a nosa lingua, a nosa literatura, en definitiva, a nosa cultura. Tamén esta semana entregouse o premio do deporte galego, en categoría masculina ó xogador do Real Madrid Lucas Vázquez e na feminina á xogadora do Uni Ferrol Maria Araújo.

Preguntábame quen sería o representante galego máis destacado no CD Lugo. Sen lucenses cun oco ben claro no primeiro equipo, loitarían polo premio, quen se non, Carlos Pita e Fernando Seoane. Pero sería complicado decidir a quen lle damos este suposto galardón. É como aquela pregunta que se nos facía, sen xeito, cando eramos pequenas: a quen queres máis a mamá ou a papá? E no Lugo, a quen queremos máis a Pita ou a Seoane? É fácil elixir entre os bos e os malos, pero entre os da casa elixir sempre foi máis complicado.

Os dous son centrocampistas. Os dous son capitáns. Pita leva oito anos no Anxo Carro e Seoane cumpre a súa sexta temporada no club. Os dous son, por riba de todas as cousas, dos nosos. Por sorte non imos ter que elixir e poderemos desfrutalos durante polo menos tres xornadas máis.

Hai veces que saímos dun campo de fútbol e dicimos: "Só por ver ese gol, ese regate, ese xesto, mereceu a pena pagar a entrada". Ó final da temporada daste conta de que pagas a túa entrada ou o teu carné de socia por ter o privilexio de ver algúns detalles. Tomar a decisión de baixar a ver o Lugo é máis sinxelo sabendo que van estar eses dous sobre o verde.

Ás veces cremos que as cousas épicas pasan nos grandes estadios ou que as grandes estrelas sempre están lonxe das nosas casas. Pero dubido moito que sexa así. A épica, tal e como a sentimos, case sempre ocorre lonxe dos grandes terreos de xogo e lonxe das grandes estrelas.

Os da miña xeración non coñecemos o Lugo en Segunda División sen Carlos Pita e Fernando Seoane. Como Oliver e Benji ou Doraemon e Nobita, hai parellas que non se entenden o un sen o outro, pero ningunha como a dos nosos. Polo momento hai que ir pensando que todo o bo remata e esta parella pode que xa nos estea a dar os seus penúltimos momentos coa albivermella, así que pode ser o momento de ir cavilando que, igual que hai un día das nosas letras, a estes dous tamén lles haberá que dedicar un día en Lugo. Pero xa haberá tempo de homenaxes. Mentres tanto, gocemos.

Comentarios