Blog

O sombreiro irlandés

dia de san patricio en el ceip isidora riestra, poio
photo_camera Dous sombreiro irlandeses. JAVIER CERVERA

HAI DÍAS tiven que tomar unha das decisións máis difíciles da miña vida. Nunca son doadas as despedidas. E menos despois de tanto tempo. Funme autoconvencendo, pouco a pouco, coa axuda de varias desas frases que parecen sacadas dun todo a cen da psicoloxía humana: "Xa nos demos todo o que nos tiñamos que dar", "hai que pasar páxina"... Incriblemente funcionou. Decidinme a dar o paso. E mandei ao lixo aquel enorme sombreiro verde sacado dunha lonxana festa de San Patricio, cortesía dunha coñecida marca irlandesa de cervexas.

Calculo que levaba non menos de seis anos ocupando un destacado lugar no moble do salón. O gorro non pasou a criba na última mudanza. Tampouco outros moitos deses trebellos que, por algunha descoñecida razón, acumulamos convencidos de que algunha vez nos farán falta. Como o disfrace de unicornio. Ou aquel palé de madeira que roubamos dunha obra e gardamos durante anos supoño que porque nunca se sabe.

Pasaron varios días desde que perdín de vista o sombreiro irlandés no colector do lixo e, ás veces, nas noites máis escuras, aínda me parece velo asomando pola porta do salón do novo piso. Supoño que o sentimento de culpa non entende de mudanzas.

Comentarios