Blog

Ganas de fumar

Un fumador. ANA ESCOBAr
photo_camera Un fumador. ANA ESCOBAr

EMPECEI A fumar aos 20 anos preparando un exame de setembro de Xornalismo. Parece ser que andaba moi estresado. Non creo que fora pola densidade da materia, na que o máis complicado era memorizar os diferentes tipos de xéneros informativos segundo un tal Martínez Albertos, senón porque o tempo, coma case sempre, se me botara enriba.

Na madrugada anterior, cando decidira abrir por primeira vez os apuntamentos fotocopiados que me emprestaran, entroume un arrepío ao caer na conta de que podía suspender. Foi entón cando fumei o primeiro cigarro. Durante doce anos fumei moitos máis. Ata que o deixei hai dous, coa inestimable colaboración de Miriam.

Neste tempo estiven a piques de caer na tentación algunha vez: en varios partidos cardíacos do Atleti, naquela cea de excompañeiros... Pero resistín.

En España non se pode fumar na rúa ata novo aviso. Non sei se a medida está xustificada, francamente; carezo de coñecementos técnicos para valoralo. Non sei canto contribúe un fumador á expansión do virus. Un experimento da Filarmónica de Viena revelou que o aire que expele unha frauta traveseira chega a 75 centímetros. É o instrumento de maior alcance. Non sei se habería que prohibir as orquestras. O único que sei é que as prohibicións dan pé a máis prohibicións. E que me entraron ganas de fumar.

Comentarios