miércoles. 23.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 23.09.2020
El tiempo

Desaparecer en Chachauí

Alto de Josue, en Chachauí. SITUR NARIÑO
Alto de Josue, en Chachauí. SITUR NARIÑO

GÚSTAME IMAXINAR a Juan Carlos I agochado nun monte, como os maquis, cortando pan e chourizo coa vella navalla que lle regalou o seu avó Alfonso XIII. Espreitando, co seu ollar borbónico, por se se achega algún inimigo. Ou un elefante. Pero probablemente o Rei emérito estará nalgún resort da República Dominicana, nunha contorna caribeña moito máis acaída para un monarca, desde logo, que a serra do Xurés ou a Devesa da Rogueira. Non o sabemos, en calquera caso, pois o seu paradoiro é o segredo mellor gardado desde a fórmula do éxito do reggaetón.

Se eu tivese que desaparecer, ben porque resulto incómodo para alguén, ben porque estou ata a glote deste mundo, elixiría sen dúbida Chachauí. Xa o escribiu Antón Avilés de Taramancos, o poeta de Noia que viviu vinte anos en Colombia antes de retornar para rexentar unha taberna na súa vila natal. "Ter unha casa en Chachauí sobre do cume do Cúndur-Cúndur que os incas bautizaron polas grandes aves míticas. Ter unha casa en Chachauí e ver no fondo do precipicio o Putumaio brincar como un regueiro pequeniño". O

Putumaio soa demasiado ben como para desaproveitar a oportunidade de perderse nel e adicarse aos praceres da vida contemplativa. Como agora, por fin, poderá facer don Juan Carlos. Botar unha soneca mentres soa ao fondo o zunido dos cocuios e o canto do turpial. Correr espido a carón do puma negro. Vivir sen preocupacións, en definitiva. Vivir coma un rei, que se di coloquialmente.

Desaparecer en Chachauí
Comentarios