domingo. 27.09.2020 |
El tiempo
domingo. 27.09.2020
El tiempo

A última onda vital

Son Goku lanza unha onda vital. ARQUIVO
Son Goku lanza unha onda vital. ARQUIVO

A PRIMEIRA vez que lancei unha onda vital tería catro ou cinco anos. Foi tamén a última. Á avoa Pura, a quen ía dirixida, pareceulle unha actitude incorrecta para un mequetrefe. Non quero xustificar o meu comportamento, líbreme Deus, pero a min amolárame fondamente que me requerira para merendar antes de que acabara o Xabarín Club. En realidade, ela non sabía que era iso da onda vital pero preventivamente —e con bo criterio— informou aos meus pais, que me prohibiron ver máis capítulos de Dragon Ball.

Foi así como pasei toda a infancia sen enterarme de que falaban os compañeiros no recreo. Aínda hoxe non sei quen son Krilin, Vexeta ou Bulma, pero a contraprestación foi maior: nunca máis lancei unha onda vital. Nin dei unha puñada, nin unha losqueada. Rexeitei a violencia. Menos aquel día.

Foi durante unha discusión absurda cun dos meus mellores amigos. El defendía que Nadal era o mellor tenista da historia e eu viña a dicir que Ferrer estaba infravalorado. Talvez fose ao revés. Encerellámonos e caeron algunhas labazadas mutuas. Pataca minuta, que diría Caneda. Pero aínda hoxe, anos despois, lamento que, con toda a xente que realmente as merece, a vea Son Goku me saíse xusto cunha das mellores persoas que coñezo. 

A última onda vital
Comentarios