Blog

Un gurú televisivo

Carolina Bescansa. LAVANDEIRA JR (EFE)
photo_camera Carolina Bescansa. LAVANDEIRA JR (EFE)

O OUTRO día, pensando en Carolina Bescansa, pregunteime a onde van os políticos cando morren. Cando morren politicamente, quero dicir. Ás veces tamén penso en Breogán Riobóo e noutros que, coma el, abriron un día telexornais e logo quedaron na cuneta. "Quen se acordará de Carmen Calvo en dez meses? E de Uribes pasadomañá?", pregunteime. Se, como dicía Barón Rojo, os rockeiros van ao inferno, que abismo ulterior hai reservado para os políticos?

A conto de todo isto recordei o que dixo hai pouco unha exdeputada de En Marea. Reclamaba "certa transición" para que os políticos poidan "reinsertarse" na sociedade cando se lles acaba o choio. É de xustiza, pensei: custa volver ao mercado laboral tras levantarse 4.600 euros ao mes. Pareceume que unha boa solución sería darlles acubillo na tele. Ao fin e ao cabo, tiñan experiencia dabondo no mundo do espectáculo. Pensei no acaído dun formato estilo ‘¿Qué fue de Jorge Sanz?’. Estou convencido de que tería oco na TVG2. E imaxinei, para a primeira canle autonómica, unha reunión como a de Friends. Camaradas, se titularía.

Víame xa asinando un gorentoso contrato con Netflix e recollendo un Mestre Mateo cando se me apareceu en pensamentos Celia Villalobos xogando ao Candy Crush no Congreso. E logo Felipe tomando un Macallan nun despacho de Gas Natural. Recordei que os políticos, en xeral, non me caían ben. E dei carpetazo aos meus días como imaxinado gurú televisivo. O que se perdeu a TVG.

Comentarios