lunes. 27.09.2021 |
El tiempo
lunes. 27.09.2021
El tiempo

Ser como Chiellini

A acción máis fermosa da Eurocopa. NICK PATTS
A acción máis fermosa da Eurocopa. NICK PATTS

CHIELLINI aparenta 46 anos, pero en realidade ten moitos máis. Leva xogando desde que as pelotas son redondas. É difícil de mirar, bruto co balón, de andares descompasados. Pero faino todo ben. Chiellini é Steve Buscemi. Chiellini é Eli Wallach. O segundón que se queda coa peli. Chiellini, por ter, ten carreira e todo. Sacou Económicas cunha tese cum laude. Imaxínoo na facultade metendo cóbado na cola das fotocopias. Chiellini leva máis anos xunto a Bonucci que Gayoso e Superpiñeiro na TVG.

Chiellini, ese central incombustible de nariz de púxil e corcova de voitre, foi o protagonista da xogada máis fermosa da Eurocopa. Era o noventa e tantos da final. A prórroga asomaba e as pernas tremelicaban. Un inconsciente inglés soñou con chegar á gloria desde o medio do campo. Ruxía Wembley; contiña a respiración Italia. Pero as súas escuras pretensións topáronse con Chiellini. Quen se non. Porque Chiellini estaba, coma sempre, no lugar preciso.

A secuencia asinaríaa Tarantino. O nariz curvo e o home que vai detrás entraron en plano. O antiheroe estirou os seus brazos de goma e enganchou pola elástica ao deslinguado inglés coma quen agarra un porco para que non fuxa do matachín. O inglés caeu coma un boneco de trapo e con el, o soño dun país. A Chiellini amosáronlle a amarela. Quedaba a prórroga por diante, pero daba igual; o final estaba escrito. Gañaría Italia, os flashes apuntarían a outro e Chiellini sorriría, como só sorrín os secundarios, entre as tebras de Wembley.
 

Ser como Chiellini
Comentarios