Blog

Que me insulte Florentino

Florentino Pérez. EUROPA PRESS
photo_camera Florentino Pérez. EUROPA PRESS

A FLOREN cachárono botando pestes de varios dos emblemas do club que preside, que debe de ser algo así coma que pillen o Pai latricando do Fillo e o Espírito Santo na sancristía despois de misa. É feo, pero a Floren sálvao que foi un off the record que nunca debera ver a luz. E en 2006. Xa choveu. Daquela Feijóo levaba ‘gomina’, os Morancos tiñan un show en TVE e ao movemento LGTBIQ+ aínda lle faltaban un par de letras, polo menos. Parece que foi hai un milenio, pero esas palabras resesas do señor dos guindastres provocaron un tremor que nin a Castor. Un sismo que o propio Floren alimentou dándolle pábulo ao responder mediante un comunicado.

A Raúl chamoulle mala xente. A Casillas, parvo. A Cristiano e a Mourinho, "anormais". E a Coentrao, "tolili", quizais o epíteto cume da súa restra de faltadas. Hai que recoñecerlle ao señor dos guindastres mestría na nobre arte da inxuria. Insulta ben, ten mala baballa e espeta os agravios igual que Kase.O crava as rimas. A min, se me teñen que insultar, quero que o fagan como o fai Florentino. "Imbécil", "zoquete", "subnormal". Ata se meteu con Del Bosque. Para iso hai que valer. E ter un dominio da ofensa imbatible, que diría aquel.

Imaxino que para chegar a onde chegou hai que aldraxar moito e ben. Que un non se converte nun dos homes máis poderosos de España con boas palabras. Por iso, querido lector, nin vostede nin un servidor, que somos xente educada e de ben, chegaremos nunca a presidir unha gran multinacional. E nin tan sequera o Real Madrid.

Comentarios