Blog

Pregarias por Sputnik

Putin e o seu tórax, a cabalo. ARQUIVO
photo_camera Putin e o seu tórax, a cabalo. ARQUIVO

PROBABLEMENTE A estas alturas da película, como persoas ben informadas que son, xa saiban que Rusia rexistrou a primeira vacina contra o coronavirus. Aínda que só sexa por como foi bautizada. Sputnik, que se me antolla un fermoso nome para un can, en realidade fai alusión ao programa espacial soviético e evoca á Guerra Fría. A referencia non podía ser máis acaída. Só que a carreira agora non é por conquistar o inabarcable espazo, senón por acabar cun diminuto virus xiringón. Cambian as medidas do obxectivo, pero non a dimensión do botín. Imaxinen cantos miles de millóns investidos por Estados e industria penden do descubrimento –e sobre todo comercialización– desta vacina.

Por iso desconfío de todo o que a rodea. Desconfío da vacina rusa porque desconfío de Putin e do seu tórax anormalmente musculado, pero tamén desconfío dun Occidente que lanzou as súas sospeitas coa premura de quen ten un medo incontrolable a que se lle adianten. Supoño que á maioría de nós, en tanto que analfabetos microbiolóxicos, non nos quedará outra que agardar. E rezar, cadaquén a quen estime oportuno, para que nos toque a vacina boa. Por se as moscas, eu xa aprendín un par de pregarias en ruso.

Comentarios