Blog

Neonazis e antivacinas

Conspiranoico en Berlín. FELIPE TRUEBA
photo_camera Conspiranoico en Berlín. FELIPE TRUEBA

ESTA SEMANA tiven unha revelación. Foi lendo a prensa. Un titular máxico. Neonazis, conspiranoicos e antivacinas marchan por Berlín contra as medidas anticovid de Merkel. Aínda non acabara de procesalo cando notei unha imperiosa necesidade de mandarlle un sms a Tarantino. "Ei, Quentin, aquí hai material para un guión". Pronto caín na conta de que non tiña o número de Tarantino. E de que probablemente os teléfonos xa non deixarán enviar sms.

Volvín concentrarme no titular. Neonazis, conspiranoicos e antivacinas. A liga dos homes extraordinarios. Só faltaban os nihilistas de O Gran Lebowski e algún reptiliano para completar un cartel que nin Woodstock do 69. Imaxino a Quentin, permítanme a confianza, soñando con diálogos trepidantes entre un neonazi interpretado por Christoph Waltz e un antivacinas inspirado en Miguel Bosé. Ou en Lidia Senra, na versión galaica.

Nunha ucronía a cabalo entre Malditos Bastardos e Érase unha vez en Hollywood, Quentin podería construír o seu final alternativo da crise do coronavirus. Non remataría coa distribución da vacina e a inmunidade mundial, senón cunha delirante batalla con laparadas saíndo de enormes lanzachamas. E sangue, moito sangue, espallándose a cachón. A un lado, neonazis, conspiranoicos e antivacinas desprovistos de máscaras e sen gardar a distancia de seguridade; ao outro, reputados científicos de todo o mundo armados unicamente co peso da ciencia. Vostede decide quen gaña.

Comentarios