martes. 26.01.2021 |
El tiempo
martes. 26.01.2021
El tiempo

Artigos dos membros do Grupo Doxa de filosofía, publicados en El Progreso. Filosofía, pensamento, reflexión... a actualidade vista dende unha perpsectiva repousada.

Xestación subrogada

AS EXPRESIÓNS xestación subrogada, maternidade subrogada, subrogación xestacional, xestación por substitución ou a simple subrogación, veñen nomear unha técnica de reprodución asistida posta en cuestión por uns e encomiada por outros nos últimos meses. Aínda que é un tema que vén suscitando diferentes dilemas morais sobre a súa práctica e as súas consecuencias nos últimos anos.

Cando falamos de xestación subrogada referímonos a esa técnica de reprodución asistida que consiste en que unha muller, de común acordo cunha persoa ou unha parella, acepta que se lle transfira ao seu útero o embrión previamente procreado mediante fecundación in vitro por esa outra persoa, parella ou participación dun doante, coa fin de quedar embarazada. A partir de aí, xestar e parir en substitución da persoa ou parella ás cales substitúe. Utilízase esta técnica tanto como solución de último recurso para parellas que non puideron superar os problemas de fertilidade mediante outros tratamentos médicos, como por homes sós ou parellas homosexuais, maiorita-riamente masculinas que desexan filiar aos nenos como pais únicos, xa que na maioría das normativas os nenos "serán fillos da persoa que dá a luz".

Dentro dos tipos de subrogación, definimos como altruísta aquela que non é motivada por unha cuestión económica, aínda que debe de haber unha compensación. Esta debe ser proporcional ao tempo de xestación, exames, duración do embarazo, complicacións, cargas familiares,etc, xenerando un equilibrio para non entrar na mercantilización. Os países europeos que lexislan baixo a fórmula de subrogación altruísta son: Inglaterra, Portugal, Bélxica e Países Baixos.


A subrogación é equiparable á adopción, pois esta última é unha medida de protección á infancia, o dereito dos nenos e nenas a ter unha familia


Doutra banda existe a subrogación comercial cuxa motivación é económica, os países que se atopan neste lado son Estados unidos, Ucraína, Rusia, Xeorxia, India, Tailandia e Grecia (antes só permitía a altruísta). Estes países poñen certas restricións segundo os seus intereses.

En terceiro lugar, están os países onde esta práctica está prohibida como en Alemaña, Italia, Suíza, Suecia ou a nosa veciña Francia, cun posicionamento moi claro chegando a denegar a nacionalidade aos nenos concibidos por esta técnica para evitar a súa práctica. En España esta práctica está tamén prohibida pero está a avivarse un debate para a súa regularización desde certos lobbys que exercen presión para que se lexisle en prol de calquera das súas modalidades.

A resolución do Parlamento Europeo do 5 de abril de 2011, sobre as prioridades e liñas xerais do novo marco político da UE para combatir a violencia contra as mulleres ( 2010/2209(INI)), establece que a subrogación é unha explotación do corpo da muller e os seus órganos reprodutivos; así mesmo o Parlamento Europeo "condena a práctica da xestación por substitución por atentar contra a dignidade da muller, cuxo corpo e función son utilizados como mercadorías" no seu informe anual de 2014 sobre os dereitos do home e a democracia e sobre a política europea da UE nesta materia. Aínda que en 2016 matiza este posicionamento.

Os argumentos que se enarboran a favor da xestación subrogada neste mometo no noso país pasan por: que todos os pais poidan acceder a ela independentemente da situación económica (en España permítese inscribir, a nome dos pais biolóxicos, aos nenos nados en países onde se permite); control da situación económica das mulleres xestantes fronte a mulleres abocadas pola necesidade en países pobres; apelando á liberdade individual (mulleres conscientes que queren facelo); a adopción en España é lenta e os tratamentos de fertilidade só se custean pola sanidade pública ata os 40 anos; poderían facelo parellas homosexuais que desexan ter fillos biolóxicos. Estes argumentos derivan en que así todos poderían acceder a ter unha familia.

Un dos principais argumentos en contra da subrogación xestacional é que o aluguer de ventres cosifica e instrumentaliza ás mulleres, reducíndoas a mero continente: o ser para outros. No caso da subrogación altruísta é moi difícil de controlar, xa que leva unha compensación económica pero pode haber acordos privados. A filósofa Sylviane Agacinski, pertencente ao movemento internacional StopSurrogancyNow, explica que "donde queira que se dá esta práctica hai sempre un mercado, nunca é gratuíto".

Difícil controlar os procesos altruístas, de feito hai axencias que establecen os contactos entre as partes, un negocio dentro dun mercado para o que se necesitan leis favorables para non ser penalizados. Máis difícil controlar que os corpos das mulleres e bebes non entren a formar parte do mercado, o capitalismo segue interesado en sacar o máximo beneficio a menor custo e os corpos das mulleres son moeda de cambio, ou seica comerciamos con órganos?

Tampouco a subrogación é equiparable á adopción, pois esta última é unha medida de protección á infancia, o dereito dos nenos e nenas a ter unha familia. Ben é certo que en España os trámites deberían ser menos complicados e máis áxiles. Ser pai ou nai non é un dereito fundamental, senón unha aspiración vital.

A xestación subrogada fálanos de regularizar empresas e axencias, de venda de corpos, de contratos de servidume temporal, de compra-venda, de intercambio económico, de estirpe e herdanza. Todos eles conceptos que reforzan o patriarcado e que deixan ás mulleres nunha situación de vulnerabilidade.

Isabel Sánchez Corral
Grupo Doxa de Filosofía

Xestación subrogada
Comentarios