Blog | O voo da curuxa

Posliberdade

NAS DEMOCRACIAS liberais de principios do século XXI a liberdade é un dos conceptos máis demandados, utilizados, invocados e incluso sacralizados, curiosamente en sociedades pretendidamente laicas. Tamén é pola contra -ou polo mesmo- un dos conceptos máis baleiros dos que dispoñemos.

Intentemos poñer algo de orde: o termo provén do latín, libertas, "o que ten a calidade de ser libre". Posuír esta calidade significa que non se é escravo. Así, libres son tanto os que foron escravos, pero deixaron de selo, como os que directamente naceron libres. Estes últimos, que non tiveron que loitar pola súa liberdade e posúena de por si, son os ĭngĕnŭus. Como tales inxenuos carecen de malicia, son nobres. Nacer libre, inxenuo, non ter que gañar a propia liberdade é un valioso engadido para o individuo, se lle supoñen entón certas calidades morais reservadas para quen nunca foi escravo, como a xenerosidade, a lealdade, a honradez ou a rectitude. O que nace libre nunca ten que apartarse desta excelencia coa que a liberdade o impregna. A liberdade devén así unha virtude natural e propia dos que sobresaen, dos mellores, areté para os gregos.

Á marxe da etimoloxía do vocá- bulo, a liberdade debe entenderse como autonomía, superación de impedimentos, capacidade de decisión. Polo tanto, non son libre cando outros deciden por min (Kant), cando se me impide executar as miñas decisións unha vez tomadas ou cando directamente se me impide decidir cando quero facelo. A cuestión é que toda decisión, todo exercicio da liberdade, supón unha escisión, un resolver, (decīdĕre, cortar, decidir), mostrar un dicir, unha palabra, un discurso. En grego o concepto que acubillaba o discurso e a palabra era logos, que usualmente traducimos como razón.

Entran entón en relación directa os termos de liberdade e razón. A liberdade non é mera volición ou simple apetencia irracional, capricho inconsciente ou desexo do absolutamente imposible de conseguir, senón que ten o sentido de elección, vontade do suxeito, ruptura, decisión propia, modo de expresión de quen ten efectivamente a capacidade de expresarse e a fai efectiva. Porén, a liberdade desgarra (Sartre). Esta desgarradura da liberdade dáse porque supón renuncias, todo aquilo que non eliximos queda perdido. Cando decidimos, cando escollemos exercendo a nosa liberdade a meirande parte da realidade é desprezada por nós, recortámola e renunciamos a ela. En cambio, o que escollemos intégrase en nós, tanto no ámbito físico como no moral, afectivo ou social. Sen liberdade estamos indefinidos, literalmente, nin somos, pois nos diluiriamos nas decisións externas.

É por todo isto que nas nosas sociedades liberais -insisto, liberais- a liberdade é un ben escaso, improdutivo, desacreditado por sobreabundacia (pensen na publicidade "elixe todo", "non renuncies a nada"); pervertido por contradición (hai un uso fascista da liberdade cando se esixe para masacrar ao outro); reducido por paternalismos adocenados (cando nos asoballan cos tecnicismos dos expertos para anular a nosa capacidade de decisión sobre o que nos convén); abandonada por pereza (acomodados no sofá, ante a tele ou, a día de hoxe, enleados nas redes sociais e as realidades virtuais).

Paréceme que nos encontramos en pleno interdicto, ou o que é o mesmo cunha liberdade de pacotilla, falsa e represora que se utiliza para prohibir. Se queren actualizar a linguaxe poden chamarlle posliberdade ou falsa crenza de que elixen, pois os manipularán despois.

A liberdade posmoderna quere elixilo todo. Basease na premisa de que un (calquera un, calquera suxeito) pode apoderarse de todo, intúe un falso dereito básico de apropiación ilimitado, e reclama para si unha realización efectiva de calquera soño. Non se decata -non quere decatarse, máis ben- de que o soño é unha fantasía, unha imaxe sen realidade, o que se denominaba antes da linguaxe posmoderna "unha phantasma". Así, a liberdade posmoderna devén fantasmada, pura charlotada, irrealidade que entretén, mentres o que hai se nos impón con man de ferro. Coa man de ferro da manipulación. Tras a ensoñación da liberdade imaxinada, a escravitude da anulación das posibilidades reais. Canta torpeza se está a tratar de disimular con estes sofismas! A patentización da actual estupidez universal non consiste noutra cousa que en pensar que se pode conseguir todo, que todo é posible e que eu elixo o que quero. Incluso presupón que cando canse desta elección, despois escollerei o contrario, sen cortes, nun todo continuo que retorna sempre ao mesmo sitio, como se o tempo non pasara (posmoderna superación do tempo que presume vivir nun presente continuo). Xa Hannah Arendt avisa contra a substitución da realidade pola "proclamación de que todo esta permitido e a crenza secreta de que todo é posible". Hoxe, esta falsificación da realidade preséntasenos de forma graficamente realista na ilusoria suposición dunha realidade virtual, mero efecto dunha técnica deshumanizada maquillada por unhas Tecnoloxías de Idiotización e Consumo (TIC?), manipuladas e manipuladoras.

Non queda máis remedio que volver sobre os nosos pasos e recuperar unha liberdade racional (ilustrada) se non queremos que nos supriman coas liberdades fascistas, que nos amordacen coas técnicas ou que nos escravicen coas posmodernas.

José Domingo de Prada
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios