Blog | O voo da curuxa

Pensando en ti

ESTE ARTIGO ten como destinatario especial ao alumnado que ven de rematar o Bacharelato e comeza unha nova xeira na súa vida, unha xeira na que abundan as incertezas e da que non está ausente o medo. A orixe deste artigo garda relación coa ausencia de reflexións acaídas para un momento da importancia deste e que, segundo parece, teñen sido botadas de menos.

Eu tamén estiven na túa situación. Viña por unha autopista e daquela vin o sinal (fin de autopista) sen saber moi ben que clase de estrada viña a continuación (en Galicia, daquela, mala, seguro). Debo recoñecer que estaba angustiado por non ter claro o que seguía pero demostrouse unha preocupación inútil porque a continuación aconteceu unha chea de feitos mais ou menos consonte ao meu desexo e, aínda así, eu seguín aí.

Sobre esta tensión ante unha realidade que aínda non pisamos tamén reflexionou Joseph Conrad. «Poucos homes son conscientes de que as súas vidas, a propia esencia do seu carácter, as súas capacidades e as súas audacias, son tan so a expresión da súa confianza na seguridade do seu ambiente». Non te asustes, aínda que teñas que deixar, parcialmente, o teu ambiente, podes confiar en que non tardarás en arraigar e acadarás un novo ambiente que tamén che ha doer ter que abandonar se tes que facelo.

O certo é que nos decatamos de que non traemos incorporado o libro de instrucións e os indicadores vense algo borrosos. Nada novo, xa o dixo o gran poeta Antonio Machado:

Caminante, son tus huellas
el camino y nada más;

Caminante, no hay camino,
se hace camino al andar.
Caminante, no hay camino,
sino estelas en la mar.

Al andar se hace el camino
y al volver la vista atrás
se ve la senda que nunca
se ha de volver a pisar.

Ou sexa que hai moitos camiños pero ningún é o teu, existen múltiples itinerarios pero o teu tes que deseñalo ti. Non é para preocuparse, agás que te empeñes en poñer os mocasíns de calquera outra persoa, ese sería un intento inútil ao tempo que frustrante. Lembra que xa Heráclito nos avisou do cambio permanente que nos afecta tanto ás persoas como ás circunstancias nas que nos movemos.

Toca un deses momentos nos que hai que facer un importante exercicio de liberdade e xa sabes que ser libre pode dar un pouco de medo, de feito hai xente á que lle dá moito medo e se refuxia e nunha seita ou busca un líder infalible que lle marque o paso. Ben sei que non é o teu caso, pero quero dicir que non pasa nada porque sintas algo de opresión no peito, é o razoable, non é valente quen non sente medo, senón quen é capaz de seguir a pesar do medo. Epicuro pódeche ser útil para enfrontarte aos medos e situalos onde non molesten.

Que é o que subxace nesa incomodidade que non che deixa acougar? Pois algo tan común como a pregunta pola túa felicidade. Estás ou non collendo o tren da felicidade?

Non existe a ruta da felicidade e aínda que ti estás a facer un esforzo por subir ao tren que vai cara onde a ti che parece que habita a felicidade, nada che garante que estea alí para ti. Igualmente, podes sentirte mal por perder ese tren, sen caer na conta que esa perda pode ser providencial...porque o mais probable é que esteas a perseguir unha pantasma. Ben sabes que Aristóteles se interrogaba verbo da felicidade e non conseguía aclararse, praceres, riquezas, honras...? O filósofo español Gustavo Bueno afirma que non ten moito sentido buscar o contido da felicidade porque o que hai que dilucidar previamente e a existencia da idea de felicidade, é un mito? Tes ti a seguridade de coñecer o que buscas? Ben sei que non é doado porque as mensaxes que recibes son diversas e, mesmo, contraditorias. Por exemplo, os medios de comunicación enfatizan o valor das cousas que o diñeiro che pode conseguir e o benestar que, sen dúbida, che han procurar, pero, simultaneamente, realízanse estudos sobre a relación entre a riqueza e a felicidade, como o da prestixiosa universidade de Princeton que sitúa en 70.000 dólares de ingresos anuais o aporte máximo do diñeiro á felicidade, unha riqueza superior non produce mais felicidade. Con todo, un consello: Probablemente os goces máis estables non proceden dos excesos pecuniarios.

Se cadra, xa te cansa este discurso que ben podería estar inspirado por Platón. Se che peta esquéceo, esquece a Platón e sente a forza vital que vén de Nietzsche á través dos versos do inesquecible Manuel María co seu alegato a prol da vida:

Sen metafísica poética digo o meu mensaxe: Vivide
Sen berros que cheguen ás entrañas: Vivide.
Vivir agora, denantes e despois.

Ánimo e sorte!

Xosé Ramón Cando Vázquez, Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios