Blog | O voo da curuxa

Pedras que falan (un centenario)

IGUAL QUE o ceo estrelado está cheo de signos que non son inmediatamente descifrables, moitas pedras espalladas polos montes de Galicia conteñen unha simboloxía que solo é significativa para os que dominan certas claves, pedras e estrelas que falan unha linguaxe misteriosa, aberta ás interpretacións pero sobre todo necesitada de estudo e investigación.

Un dos investigadores que máis contribuiron ao coñecemento dos petróglifos galegos foi Ramón Sobrino Lorenzo Ruza (1915-1959), do que este ano se cumpre o centenario. A obra de Lorenzo Ruza, espallada en publicacións como os Cadernos do Seminario de Estudos Galegos (en colaboracións con Fermín Bouza Brey) e o Noticiario Arqueológico Hispánico nos anos 40 e 50, ata a súa morte prematura, é unha mestura que combinaba o traballo de campo co rigor intelectual, e cultivaba tanto o gusto polas formas culturais do rural galego conformadas a carón dos petróglifos, castros e mámoas, como as conexións intelectuais con sectores da alta cultura europea do momento, pouco coñecidos aquí neses anos, como a filosofía alemá de Rickert ou Cassirer, o enfoque novidoso da arqueoloxía por Gordon Childe, ou as investigacións sobre o megalitismo escocés, inglés ou irlandés, que terían un uso peculiar —sometido despois a importantes revisións— no que se chamou ‘celtismo’.

Lorenzo Ruza tivo a súa escola ben preto, na súa propia familia, e consérvanse moitas fotografías de finais dos anos 20 e principios dos 30 nas que aparece acompañando ao seu pai, Ramón Sobrino Buhígas, en múltiples excursións arqueolóxicas que facían por comarcas do interior de Pontevedra. Nos inicios da saga estaba tamén o curmán deste, Enrique Campo Sobrino, que morrera en 1911 con só 21 anos deixando unha boa colección de debuxos de petroglifos, igrexas e escudos que foran eloxiados pola Real Academia de Historia en Madrid, despois de mostralos na Exposición Regional Gallega de 1909.

Xunto ás súas contribucións moi singulares ao debuxo arqueolóxico, a aportación máis salientable da saga familiar chegou da man do pai Sobrino Buhígas, que foi un dos protagonistas da intensa actividade da Sociedad Arqueológica de Pontevedra nos convulsos anos 20 e 30, e deixou unha xoia bibliográfica, o Corpus Petrogliphorum Gallaeciae, editada por vez primeira en 1935 en latín (fermosamente reeditada en edición facsimilar e tradución galega por Edicións do Castro no ano 2000, ao coidado do epígono Ángel Núñez Sobrino). Os Sobrino foron (e son) investigadores heterodoxos e difícilmente clasificables que se moven entre o estudo da paisaxe e a vocación humanista, cunha paixón polo coñecemento imbuída de entusiasmo artístico e vital.

Lorenzo Ruza dirixíu imporantes excavacións no Morrazo nos anos 50, e a día de hoxe as localizacións máis estudadas e coidadas están no entorno de Campo Lameiro, preto da súa casa familiar de Cequeril.

Pero a maior concentración de petróglifos por explorar e catalogar dase no Concello de Vilarmaior, onde eu vivín cos amigos de Terra de Trasancos unha experiencia sorprendente, deitarse sobre unha grande pedra por baixo dun plástico negro, facer a noite e ver como aparecen os círculos e outras xeometrías e formas levemente humanas. Coma no círculo lítico de A Roda en Barreiros, hai pedras que coa luz adecuada comezan a falar, lugares nos que se escoita esa linguaxe discutida e misteriosa dos megalitos e petroglifos que nos falan a través do tempo.

Por Juan Carlos F. Naveiro, do Grupo Doxa de Filosofía

*Artigo publicado o sábado 8 de agosto de 2015 na edición impresa

Comentarios