lunes. 18.01.2021 |
El tiempo
lunes. 18.01.2021
El tiempo

Artigos dos membros do Grupo Doxa de filosofía, publicados en El Progreso. Filosofía, pensamento, reflexión... a actualidade vista dende unha perpsectiva repousada.

O síndrome do adolescente

CANDO FALAMOS da evolución humana e nos preguntamos polo proceso de hominización a comunidade científica nos resposta que este é, a transformación do animal en ser humano. Relátannos a hominización corporal centrada no eixo pes-mans-cerebro. A posicición ergueita permanente, a liberación das mans das funcións locomotoras para converterse en órganos para manipular e asir obxectos. Todo isto unido ao desenvolvemento e perfeccionamento do cerebro.

Aínda así, poderíamos explicar a sobrevivencia de individuos como, por exemplo, o homo habilis con pouco máis de 1,30 centímetros de altura e 40 quilos de peso fronte a un tigre dentes de sabre cun peso de 400 quilos?

Para poder entendelo debemos falar dun dobre proceso. Ao carón desta evolución biolóxica deuse a humanización ou xurdimento e desenvovemento da cultura. Prodúcese xunto a hominización corporal a humanización psíquico social. O pensamento, a linguaxe ían desenvolvéndose e perfeccionándose ao mesmo tempo que os cambios corporais, coma se tratara dun proceso en bucle. É a xuvenilización da nosa especie, o defecto que nos fixo ter o encéfalo máis grande e polo tanto linguaxe, sociabilidade e variedade de comportamentos. A axuda colectiva, a extratexia, a ausencia de celo nas femias e o nacemento inmaturo forman parte tamén dese proceso.

O nacemento inmaturo na nosa especie xenera diferenzas radicais fronte a outras especies. Os coidados por parte dos proxenitores e a comunidade teñen que ser minuciosos para que esa criatura sobreviva nun mundo hostil. Hoxe segue sendo así, a criatura ao nacer é introducida pola familia, o clan ou a comunidade á sociedade na que lle tocou vivir. Ese novo membro aprende por imitación, premio —castigo as normas, costumes, valores, crenzas, etc— da súa comunidade. E a cultura, no seu sentido antropolóxico, non morre nese clan, nesa comunidade ou nese territorio senón que se reproduce, cambia, difúndese ou se transforma no mellor dos casos. Porque fomos capaces de xerar cultura e transmitila, xeración tras xeración, é polo que sobrevivimos como especie.

Estes 'defectos' que nos caracterizan como especie nos xeneraron unhas utilidades no seu momento na loita pola sobrevivencia, pero se falamos de inmadurez xa non biolóxica senón social, o problema tórnase outro e o que puido axudarnos, agora nunha sociedade complexa pode ser un problema. Vivimos nunha sociedade cada vez máis tecnificada, tecnolóxica, que cultiva o culto á novidade. Unha sociedade que non necesita coñecementos, todo está na internet a través dunha pantalla de móbil, de computador, de algo. Obteño información en tres segundos e a esquezo en dous. Unha sociedade onde parte dos seus membros están altamente especializados. Podemos construir e utilizar moi ben desde automatismos para cadeas de montaxe, ata teorizar sobre as mellores obras literarias e realizar os mellores diagnósticos médicos. Pero aí queda todo. O problema está nesas persoas altamente cualificadas, pero incapaces de ter unha visión global da realidade que lles rodea e menos de facer unha lectura crítica da mesma.

O cidadán/á que mira e non entende, que ri dos gazapos do político de quenda sen fixarse nin no que di, nin no que fai, nin no que pasa ao seu redor embobado por un sistema que o utiliza para autolexitimarse. Embobados/as ante dispositivos que nos axudan e nos entreteñen pasando a formar parte das nosas vidas, as cales se configuran en redes sociais. Cuantifico a miña felicidade en "me gustas" e retweets, e a miña sociabilidade nas solicitudes de amizade recibidas no meu Facebook ou nas reaccións dos meus comentarios nos distintos grupos de Whatsapp aos que pertenzo. Deprímome senón teño seguidores en Instagram ou na miña canle de Youtube. Xa non leo as noticias, cólgoas nas redes sociais e así todo o mundo entérase de que estou enterada, aínda que non me entere de nada. Somos como adolescentes que se beben a súa primeira cervexa ou se fuman o seu primeiro porro pensando que son os primeiros e únicos en facelo. Cal adolescente nos marabillamos e vanagloriamos das nosas ocorrencias, cando a rebeldía só supón unha pose. Rexeitamos todo o anterior non porque nos oprima e non nos deixe avanzar senón por non ser 'novo'. Deixamos de profundar, de aprender, de interrogarnos, de rebelarnos...

O 'síndrome do adolescente' impregna a nosa sociedade. Cando só tiña que ser unha etapa de ruptura con ese mundo de adultos en busca da propia identidade, en busca dun lugar no mundo, tórnase nunha estadía continua. Sobre todo nesa parte da sociedade que pretende ser o faroliño que nos guíe cara un lugar máis xusto. Intentan desbotar o anterior como caduco; pero non todo o anterior é desbotable, non o que nos axuda a entendernos e ler o presente para actuar nun futuro.

O síndrome do adolescente
Comentarios