Blog | O voo da curuxa

O meu benestar, a túa morte

SEGUNDO A Onu ao redor de 250.000 persoas morreron e 13,5 millóns necesitan asistencia humanitaria dentro de Siria. Máis do 50% da poboación siria está en situación de desprazamento. 

Hai máis de 4,5 millóns de refuxiados sirios en só cinco países: Turquía acolle a 2,5 millóns (unha de cada cinco persoas da poboación do país), Líbano acolle a uns 1,1 millóns (unha de cada cinco persoas da poboaión do país); Jordania acolle a uns 635.324 (o 10% da poboación); Iraq onde hai 3,9 millóns de persoas desprazadas acolle a 245.002 persoas; e por último Exipto acolle a 117.658 refuxiados de Siria. 

O 86% dos refuxiados e refuxiadas de Siria en zonas urbanas de Xordania viven por debaixo do umbral da pobreza. A poboación refuxiada máis vulnerable que se atopa en Líbano recibe tan só uns 0,70 centavos de dólar ao día para asistencia alimentaria. A Onu establece o umbral de pobreza en 1,90 dólares. 

Desde o comezo da ‘crise’ de Siria ofrecéronse en todo o mundo 162.151 prazas de reasentamento en total, o que equivaldría ao 36% da poboación total de refuxiados sirios dos países antes citados. Pero según Acnur ao menos 450.000 persoas refuxiadas nestes cinco países de acollida (o 10%) necesitan ser reasentados. Do mesmo xeito para Amnistía Internacional deberíase reasentar o 10% da poboación siria refuxiada antes do remate deste ano. 

Os países do Golfo (Qatar, Emiratos Árabes Unidos, Arabia Saudí, Kuwait e Bahréim) non ofreceron ningunha praza de reasentamento para refuxiados sirios. Outros países como Rusia, Xapón, Singapur e Corea do Sur, tampouco o fixeron. Só Alemaña prometeu 39.987 prazas a través do seu programa de admisión humanitaria e de patrocinio individual, o 54% do total da UE aproximadamente. Son Alemaña e Suecia as que reciben o 57% de solicitudes de asilo político entre 2011 e 2015. O resto de países da UE prometeron reasentar a 30.903 persoas, o que suporía o 0,7% da poboación refuxiada siria nos principais países de acollida. 

A esta situación hai que engadir que 8 de cada 10 nenos e nenas sirios víronse afectados pola guerra (uns 8,4 millóns), un de cada tres (uns 3,7 millóns) naceron desde que comezou o conflicto. As súas vidas están impregnadas de violencia, medo e inestabilidade. Tanto os nenos que se atopan dentro de Siria como os refuxiados nos países veciños necesitan axuda humanitaria. As consecuencias son gravísimas: 7 millóns sumidos na pobreza e 2,8 deixaron de ir a escola. O máis preocupante é que polo menos 10.000 menores haberían desaparecido nada máis chegar a Europa, segundo estimacións de Europol. Algúns debido a unha burocracia fallida, xa que non funciona o sistema de reagrupamento familiar. Isto supón que as veces os menores buscan outros xeitos para reunirse con eles, pero facilmente caen en mans de mafias, víctimas da explotación sexual e laboral. En pouco tempo se xenerou unha rede de explotación sexual, unha organización criminal que operaría desde Alemania e Hungría. Só en 2015 chegaron a Europa 26.000 menores sen acompañamento. 

As mulleres corren a mesma sorte en total desprotección nos campos de refuxiados: desaparecidas, abusadas, prostituídas. 

Liberdade, igualdade e fraternidade: un neno morto nunha praia de Turquía, gases lacrimóxenos na xungla dos nenos desaparecidos de Calais, escavadoras en Idomeni, naufraxios un día si e outro tamén no Mediterráneo con continuas mortes. 

Os nosos ideais de vida boa e xusta quedan outra vez por debaixo do sacrosanto mercado e as súas leis. Levamos máis de dúas décadas intentando que países como Iraq, Afganistán ou agora Siria volten a Idade Media. A súa dependencia económica é a nosa riqueza. Os efectos secundarios ou colaterais parece que non importan tanto como os beneficios a obter. 

Mª Isabel Sánchez Corral

Comentarios